Foz 4-8-16. O Venres 5 de Agosto ás 20:30 h na Casa da Cultura “Poeta Manuel María” de Foz, clausúranse ás Xornadas de Historia Local, organizadas pola Asociación A Pomba do Arco, cunha conferencia sobre “Os normandos no norte de Lugo” que correrá a cargo de Xoán Ramón Fernández Pacios, historiador e directivo da Pomba do Arco.
A relación dos vikingos con Galiza podemos resumila en catro grandes invasións así como a presenza de cruzados normandos na Galiza do século XII e XIII. A primeira incursión dos viquingos en Galicia data de agosto de 844, cando un grupo procedente dunha expedición de saqueo se adentrou polo Garona, chegou ata Galiza empurrado por unha tempestade e foi ao cabo rexeitado nos arredores do da Torre de Hércules. No ano 968 chegaron a Galiza arredor de duascentas naves baixo o mando de Gunrod, cen das cales se detiveron no Cantábrico para atacar a zona da Mariña mentres as outras cen se internaban pola ría de Arousa para dirixirse posteriormente a a pé a Santiago. Os viquingos apareceron en Galiza esporadicamente, en xeral, sen moitas consecuencias; non obstante, no ano 1015, dirixidos quizais polo rei Olaf, atacaron Castropol, Betanzos, Ribas de Sil e Tui.
A relación dos normandos coas terras focegas está intimamente vinculado á figura de San Gonzalo, figura que Fernández Pacios, asocia coa do bispo de San Martiño Gonzalo Froilaz, que exerceu o seu cargo entre os anos 1070 e 1108, destacando os avatares polos que tivo que pasar este bispo no seu desexo de defender e engrandecer o territorio da súa diocese, sendo esta defensa a ultranza a razón que motivou que o pobo o santificase antes, incluso, que a propia igrexa mindoniense. Gonzalo Froilaz facía parte da grande familia oligárquica da Galiza do momento, isto é dos Traba, sendo irmán de Pedro Froilaz que canda Xelmirez nomeou Rei de Galiza a Afonso VII. É precisamanete nesta época cando se produce un desembarco fallido de normandos nas costas focegas que motivou o traslado da Se episcopal de San Martiño ata un punto interior, de máis fácil defensa, chamado Vilamaior do val de Brea e que hoxe coñecemos co nome de Mondoñedo.
Xoán Ramón Fernández Pacios é licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, actualmente é o responsable do Centro de Información e Interpretación do Camiño Norte en Mondoñedo, onde exerce o seu traballo dende hai oito anos. Ten publicados varios libros entre os que destacamos Foz, recuperación da memoria histórica, en colaboración con Pilar López, O Camiño de Santiago na Mariña Lucense, A guerra co francés. O Viveiro de 1809, Hospitalidade e Peregrinación no Camiño Norte ou O Camiño de Mar. Tamén foi o coordinador da publicación titulada O Mariscal Pardo de Cela e o seu tempo, libro que xorde como froito das primeiras xornadas de historia medieval da Mariña de Lugo, das que Xoán Ramón era o secretario.