Mondoñedo 6-8-16. O Grupo Municipal do BNG de Mondoñedo criticou este sábado que a falta de información e a pouca transparencia da xestión do Goberno de Elena Candia dificulta a súa labor como principal grupo de oposición.
O portavoz municipal, Eloi Cabanas, manifesta que a oposición ten o dereito de coñecer toda a información para poder desenrolar o seu traballo en condicións, “é difícil realizar esta tarefa cando a información non chega ou chega tarde”.
“Ás probas me remito”.
Cabanas apunta que a última acta de Xunta de Goberno que recibiu o seu grupo é do pasado 13 de maio, e recorda que no pleno municipal de organización de principios da lexislatura acordouse celebrar as sesións ordinarias da Xunta de Goberno Local todo os luns do ano e que o Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais di que no prazo de dez días deberá enviarse a todos os membros da corporación copia da acta; “este feito non se cumpre así que esta opacidade fainos sospeitar que as cousas non se están facendo de todo ben, ¿onde están o resto das actas?”.
Retraso no pleno municipal.
O BNG mindoniense denuncia tamén o retraso do pleno municipal, que debería ser o último venres do mes de xullo. O representante nacionalista denuncia a parálise da actividade institucional do concello e, ante a posibilidade de que se convoque un pleno extraordinario onde non caben rogos nin preguntas, o grupo nacionalista formula publicamente unhas preguntas que considera de máxima actualidade e que ao seu entender chegarían tarde ao vindeiro pleno ordinario.
Os nacionalistas pregúntanlle ao Goberno de Elena Candia qué xestións levou ou pensa levar a cabo ante a inminente marcha para Lugo da oficina da Unidade de Recadación Executiva que a Tesourería Xeral da Seguridade Social ten en Mondoñedo.
O BNG tamén se interesa pola programación estival e pregúntalle ao goberno municipal do Partido Popular qué actividades ten previstas para estas datas e se vai haber este ano Mercados de Verán.
O voceiro do BNG esixe á alcaldesa que deixen de manexar ao seu antollo o funcionamento do concello de Mondoñedo e que corrixan canto antes estas “anomalías” para que o seu grupo poda seguir facendo unha oposición que cualifican de “seria, rigorosa e construtiva”.