Cervo, 8 de agosto de 2016. O Concello de Cervo levará a cabo unha campaña conxuntamente coa Asociación Amigos da Maruxaina para fomentar actitudes respectuosas co medio ambiente durante a celebración de festa da Maruxaina que se celebrará este vindeiro fin de semana en San Ciprián.
A concelleira de Medio Ambiente, Manuela Méndez, explicou hoxe que “o Concello de Cervo, a través da Delegación de Medio Ambiente e Turismo, e a Asociación Amigos da Maruxaina van levar a cabo unha campaña de concienciación ambiental incidindo no compromiso individual e colectivo de manter limpas tanto as nosas praias como o resto do pobo. Queremos que a festa da Maruxaina sexa de todos, para vivila, sentila e gozala. Por elo tamén creemos que todos debemos ter unha implicación activa e directa mediante un comportamento medioambiental axeitado que axude a preservar a limpeza dos nosos areais e dos distintos espazos públicos, o que sen dúbida redundará na garantía dun futuro mellor para a propia festa e no benestar de todos cantos participamos na mesma”.
Manuela Méndez engadiu que ”queremos facer un chamamento a veciños e visitantes para fomentar unha toma de conciencia a prol do emprego de actitudes cívicas e comportamentos que impliquen o incremento de interese polo medio ambiente e a vontade de preservalo, desterrando actuacións como a tirada de obxectos en praias, rúas e espazos públicos, como poden ser papeis, restos de comida, plásticos, vidro, etcétera e chamando a utilizar os colectores de lixo e os urinarios públicos; e en xeral favorecendo todas aquelas actitudes que leven a un maior comportamento cívico e un compromiso medioambiental respectuoso e responsable”.
A edil considera que “sen dúbida todas estas actuacións que dicimos son responsables e permitirannos gozar máis e mellor da festa da Maruxaina, ao tempo que axudarán a manter limpo o noso privilexiado entorno natural colaborando deste xeito co persoal encargado do operativo de limpeza previsto nada máis rematar esta cita anual”.
A concelleira de Medio Ambiente anuncia que “durante toda esta semana vanse colocar nos distintos establecementos públicos do pobo carteis alusivos a esta campaña de concienciación medioambiental, así como tamén nas entradas das praias”.
Manuela Méndez declara que “desde o Concello de Cervo soamente podemos dicir que entre todos queremos facer unha Maruxaina mellor, queremos que sexa unha Maruxaina limpa, que non se nos afogue a nosa Maruxaina”.