Mañón 9-8-16. Para este xoves 11 de agosto, a partires das 20:30 horas, e na sala da casa do concello de Mañón, en O Barqueiro, Nordés organiza a presentación do número 3 da revista de estudos locais “Terras do Ortegal”
Contarase nesta ocasión coa presenza do autor da fotografía que ilustra a portada, Juan Ínsua, así como con Hixinio Puentes, un dos autores que aportan artigo neste número. En representación do colectivo promotor da revista, que contra vento e marea vai logrando sacar con moito traballo un número trais outro desta boísima iniciativa, estará Fran Calvín. A presentación correrá a cargo do nordesteiro Bernardo Penabade.
Dende Nordés convidamos á xente deste concello e dos limítrofes a asistir, participar e mercar o novo número, colaborando con iso no mantemento dunha publicación aberta e popular que merece unha difusión ampla pola calidade que amosa nas súas páxinas.
A Asociación Terras do Ortegal e Nordés agárdanvos!