Ribadeo, 16 de setembro de 2016. A rehabilitación estrutural do edificio que alberga o xulgado de paz de Ribadeo custaría 191.000 euros, segundo deu a coñecer este venres o alcalde, Fernando Suárez. Desa cantidade a Xunta só está disposta a poñer 26.000 euros, a pesares de ter as competencias en xustiza. O Concello está disposto a colaborar, pero non asumirá o 80% dese investimento.
O rexedor dixo: “parece que volve estar de actualidade a situación do xulgado de paz de Ribadeo e se ben eu nestes últimos meses mantiven discreción para intentar buscar un acordo entre as diferentes administracións, chega un momento en que un non pode manter máis a discreción porque xulga cousas que son intolerables e polo tanto decide facelo público”.
Suárez Barcia relatou que “o edificio efectivamente é municipal, pero a xestión que alí se fai e os funcionarios que alí están son da comunidade autónoma, é dicir é da Xunta de Galiza. Polo tanto segundo a lei que aprobou o goberno de Rajoy no 2013 os Concellos non temos competencias en xustiza, e polo tanto deberán eles, deberá a Xunta asumir esta situación de abandono de decenios, de lustros e de decenios case me atrevo a dicir desde antes da democracia que non se fixo absolutamente nada aí”.
O alcalde subliñou que “todo o que se fixo nese edificio foi facéndoo o Concello de Ribadeo, pero agora está diante dunha rehabilitación estrutural. Segundo o arquitecto municipal que redacta este proxecto fan falta 191.000 euros para adecentar e para ter un lugar axeitado para traballar neste xulgado de paz”.
Fernando Suárez explicou esta mañá que “cursei peticións de xuntanzas co Vicepresidente da Xunta e co Presidente da Deputación de Lugo. A Deputación aínda que non ten competencias directas podía botar unha man, é certo podía botar unha man como fai na residencia de maiores que a bota practicamente toda porque quen ten que facelo, que é a Xunta non o fai, polo tanto non podo estrangular moito máis á Deputación porque se porta razoablemente moi ben con Ribadeo. Quen non se porta nada ben é a Xunta, as persoas e os políticos que están nese goberno polo de agora”.
E engadiu: “e digo isto porque dos 191.000 euros que custa arranxar ese edificio para os funcionarios da Xunta, a Xunta contéstame que está disposta a investir a cantidade de 26.804 euros, nun edificio estruturalmente mal como está pretende dotar de pintura, algo de fontanería e algo de calefacción. É dicir facer a casa polo tellado, salvo que pensen que aquí en Ribadeo os obreiros ou a obra pública que se fai se traballa en réxime de escravitude ou pola comida. Dificilmente con 26.000 euros se pode facer algo digno nese edificio”.
O rexedor ribadense insistiu en que “a colaboración do Concello de Ribadeo está patente, está encima da mesa, que poida colaborar economicamente tamén o está, pero que sexamos parvos non, porque nun edificio que non temos a competencia en xustiza, o que non imos é destinar o 80% de recursos propios municipais, cando a Xunta que ten a competencia e os funcionarios vai destinar 26.000 míseros euros, iso non pode ser. E iso ten moito que ver tamén co día 25 de setembro, e a xente que escoite e vexa o que fan con Ribadeo os gobernos da Xunta, tanto na residencia como na auga, como na xustiza neste caso nos xulgado de paz”.