O 12 de setembro actual, no marco do protocolo de coordinación de actuacións operativas entre o D.A.V.A. e a Garda Civil, lévase a cabo en augas de Lugo, na zona do porto comercial de Viveiro-Celeiro, un rechamante exercicio aeronaval conxunto de actuación contra o narcotráfico no que participan funcionarios do Servizo de Vixilancia Aduaneira, membros pertencentes ao Servizo Marítimo Provincial da garda Civil de Lugo e a Unidade de Helicópteros da Garda Civil con base na provincia da Coruña.
O simulacro consiste no avistamento por parte dos medios aéreos da Garda Civil de estrañas manobras dunha embarcación próxima á costa, fronte ao porto comercial de Viveiro, que se atoparía tratando de entregar un alixo de droga. O helicóptero alerta a través do Centro Operativo de Servizos da Comandancia da Garda Civil de Lugo aos efectivos marítimos da Garda Civil e Servizo de Vixilancia Aduaneira que inician a persecución da embarcación sospeitosa.
Trala interceptación, de forma conxunta e coordinada por parte dos medios intervintes, o exercicio finaliza coa detención dos supostos ocupantes da embarcación que pretendía fuxir.
No simulacro participan o patrulleiro de altura do Servizo de Vixilancia Aduaneira ALCARAVAN II e unha embarcación auxiliar, o patrulleiro do Servizo Marítimo Provincial da Garda Civil de Lugo GC-M13 e unha semirríxida GC-0906, así como un helicóptero da Garda Civil e ao redor dunha trintena de efectivos en total que interveñen directamente ou prestan apoio durante o exercicio.
Con carácter previo e trala execución do exercicio, levásense a cabo senllas reunións de coordinación, tanto para preparas as manobras como para valorar posteriormente o seu desenvolvemento, nas que se pon de manifesto o bo facer profesional, o magnífico clima de entendemento e a colaboración entre integrantes de ambos Corpos.