Cervo, 7 de setembro de 2016. O Concello de Cervo reabre a piscina olímpica de San Cibrao este vindeiro luns, día 12, e non cobrará aos socios da instalación os recibidos correspondentes ao mes de agosto e á primeira quincena deste mes de setembro.
O concelleiro de Deportes, José Ramón Soto, explicou que “o Concello de Cervo reabre a piscina olímpica de San Cibrao o próximo luns, 12 de setembro. Continuamos co horario habitual de 9 a 22 horas de luns a venres de forma continuada e os sábados de 10:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas. Durante o mes de agosto mantívose pechada a zona de baño para realizar traballos de mantemento, pero permaneceu aberto o ximnasio. O Concello de Cervo non emitirá os recibos de socios correspondentes ao mes de agosto e a primeira quincena de setembro, aínda que puideron utilizar o ximnasio de forma habitual”.
José Ramón Soto engadiu que “os principais traballos de mantemento consistiron en baleirar os 2millóns de litros de auga que leva o vaso para proceder ao limpado e recintado tanto do fondo como das paredes así como da zona da praia, ademais de realizar acondicionamentos mecánicos de mantemento. O motivo de ter que pechar o vaso cerca de mes e medio débese a que o baleirado lévase a cabo durante tres días e o enchido necesita 20 días para que a auga estea en condicións óptimas e cumpra con todas as garantías e as esixencias sanitarias. Todas estas melloras realizadas na única piscina olímpica que temos na provincia de Lugo e que é xestionada de xeito público polo Concello de Cervo sen dúbida repercutirán nun mellor servizo para todos os usuarios, que cada ano aumentan considerablemente, pois na actualidade contamos con 800 socios”.
O edil de Deportes tamén comentou que “como ven sendo habitual impartiranse cursos de iniciación para bebés a partir de 0 anos; de iniciación e perfeccionamento para nenos e adultos; aquagim, que é ximnasia na auga; natación específica para recuperación de lesións; preparación para probas e salvamento; natación para embarazadas; e actividades lúdicas e saudables para os nenos”.
Soto rematou comentando que “desde o Concello de Cervo, como non pode ser doutro xeito, seguimos apostando forte polo deporte e o mantemento dos servizos públicos. As persoas interesadas en anotarse nas distintas actividades poden achegarse á piscina municipal para obter máis información ou chamar ao número de teléfono 982.59.45.12. Con todo isto pretendemos que os usuarios da piscina poidan rendibilizar máis, se cabe, as súas actividades acuáticas. Tamén queremos recordar a todas aquelas asociacións deportivas ou de outra índole da Mariña que, se o desexan, poden acudir ás nosas instalacións, contactando previamente coa información da piscina a través do número de teléfono da mesma”.