Lugo, 7 de setembro de 2016.- O candidato autonómico do PSdeG-PSOE pola Provincia de Lugo, Luis Álvarez, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto con compañeiros da candidatura socialista, mantiveron un encontro con familias da asociación galega de enfermidades raras ANASBABI para coñecer de primeira man a súa situación e trasladarlle o seu compromiso na defensa dunha atención integral e específica dende a sanidade pública galega, coa que non contan na actualidade debido á falta de apoio dende a Xunta de Feijóo.
O candidato lucense, Luis Álvarez, destacou “a seriedade que mantemos ante demandas tan necesarias como a tratada nesta ocasión, onde máis de 300.000 persoas en Galicia padecen este tipo de enfermidades sen implicación algunha por parte da Xunta de Feijóo”. Ademais, quixo dar resposta ás reivindicacións proclamadas polo Presidente da Asociación Nacional de Ciliopatías, José Carlos Pumar, que trasladou “as peticións reiteradas para que se establezan protocolos diferenciados das enfermidades comúns, con probas específicas”, lamentando a escasa incidencia das súas demandas nas políticas públicas galegas e “os retallos, non só para os casos que nós intentamos defender e visibilizar, senón tamén para a toda a sanidade en xeral”, remarcou. Cómpre mencionar que Goberno da Xunta reduciu o orzamento sanitario en 26 millóns de euros, o 30% do orzamento total, así como a partida de gastos correntes de funcionamento, retallando en máis de 20 millóns de euros.
O PSdeG-PSOE comprométese na defensa dunha sanidade pública, apoiando a colectivos que están a sofrir de primeira man as consecuencias da privatización dos servizos sanitarios. Lara Méndez agradeceu a labor de todas as asociacións implicadas na visibilización das enfermidades raras, “pois con todo o traballo que están a desenvolver conforman o piar fundamental de axuda e apoio, non só aos doentes, senón tamén ás súas familias”. Campos Conde explicou “a necesidade de achegar solucións e recursos ante os retallos e a inxustiza social”, pois criticou que “as demandas máis básicas dos nosos veciños son continuamente vulneradas pola indiferencia e mala xestión da dereita”.
Os representantes do PSOE participaron do reto solidario “Abraza a Muralla”, sumándose ás reivindicacións de ANASBABI.
O Presidente deste colectivo quixo agradecer “o apoio dos socialistas, pois a suma de todos é indispensable para a loita contra as enfermidades raras”, concluíu.