Cervo, 6 de outubro de 2016. O Concello de Cervo abriu o prazo para solicitar as axudas destinadas a rapaces que estudaron fóra do municipio durante o curso 2015-2016. Para este fin destinaranse 9.000 euros, 3.000 máis que no ano anterior.
A concelleira de Educación, Dolores García Caramés, explicou que “estas axudas son para alumnas e alumnos menores de 30 anos, de familias empadroadas no concello de Cervo e que estudaron no curso 2015-2016 fóra do termo municipal en centros educativos sostidos con fondos públicos algunhas das ensinanzas que non se imparten no concello cervense. Os estudantes terán que cumprir os requisitos establecidos nas bases e presentar a documentación antes do 20 de outubro. Poden recoller información e os formularios na Casa do Mar de San Ciprián, en horario de mañá, e na Casa do Concello de Cervo e posteriormente deberán entregar a documentación e o formulario no Rexistro do Concello”.
Dolores García destacou que “nesta convocatoria o Concello ten prevista unha partida de 9.000 euros, financiada na súa totalidade con fondos propios, que serán 3.000 euros máis que no ano anterior, e cada beneficiario poderá recibir ata 200 euros. O obxectivo é atender todas as solicitudes que cumpran os requisitos establecidos”.
A edil de Educación especificou que “os solicitantes das axudas tiveron que cursar algunha destas titulacións no período lectivo 2015-2016: ensinanzas universitarias, estudos musicais en conservatorios ou escolas de música, Bacharelato (nalgunha das modalidades que non se imparten no instituto de San Ciprián), ou calquera das seguintes ensinanzas en grao medio ou superior, como son FP, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, ou deportivas. En canto á documentación a presentar, deberase entregar no Rexistro do Concello fotocopia do DNI de todos os membros da unidade familiar maiores de idade, fotocopia do libro de familia, autorización de todos os membros computables para obter información das diferentes administracións, copia cotexada do boletín de cualificacións ou certificación expedida polo centro educativo no curso 2015-2016 e, en caso de discapacidade ou dependencia, certificado emitido polo organismo oficial correspondente”.
Dolores García rematou comentando que “o Concello segue na mesma liña de apoiar a educación, tanto superior, con estas axudas, como coas que se veñen concedendo aos colexios, asociacións de nais e pais de alumnos e familias, xa que creemos que é unha maneira de apoiar á comunidade escolar na formación e o estudo dos seus fillos, ao igual que facemos con outras subvencións, tamén municipais, como é o caso das axudas para material escolar e libros”.