Ribadeo, 12 de outubro de 2016.- O Grupo Municipal do PP de Ribadeo pídelle ao Goberno local un mínimo interese polo rural ante o estado de abandono que presenta. En concreto, desde o PP lamentan que se lle dean as costas aos veciños e veciñas que viven nas parroquias do Concello, mentres logo se di que se trata por igual ao rural e ao casco urbano.
Como exemplo, citan os populares o mobiliario urbano de Arante, comido literalmente pola maleza e polas silvas, como pode verse na imaxe que se achega, así como pistas e cunetas nun estado deplorable, sen rozar nin asfaltar polo equipo de Goberno. O veceiro dos populares, Jesús López Penabad, explica que moito do mobiliario público se atopa inutilizable pola desidia dos nacionalistas.
“Esta situación non só se produce en Arante, senón en lugares como Piñeiro, entre outros, nos que o mobiliario público non se pode usar pola deixadez do equipo de Goberno”, engade.
O saneamento, tamén pendente
O Grupo Municipal do Partido Popular de Ribadeo suma estas críticas á súa petición para que o Concello comece a traballar en dotar de rede de saneamento a todo o rural de Ribadeo. Así o solicitou o voceiro dos populares, Jesús López Penabad, quen lamentou o estado no que se atopan varias das parroquias da localidade que carecen deste servizo básico, feito que segue a marcar “unha clara discriminación entre o rural e o casco urbano”.
López Penabad pídelle ao rexedor que “se poña en marcha, elabore un plan de saneamento cun proxecto dirixido a dar conexión a todas as vivendas á rede de alcantarillado e que, para acadalo, busque a dotación económica necesaria”. Así mesmo, desde o PP esíxenlle ao alcalde que interveña nas pistas do rural para que o seu tránsito non supoña un perigo para viandantes e condutores e que adecente os viais e o mobiliario público.