Ribadeo, 25 de novembro de 2016. O parque infantil e o palco da música acolleron este mediodía o acto reivindicativo 25N Ribadeo en negro, no que participaron centos de persoas, tanto alumnado dos centros de ensino da vila, coma veciñas e veciños anónimos, que coa súa indumentaria tinguiron de negro a localidade.
Cinco alumnas da EMMeD de Ribadeo amenizaron a cita con música e outras 10 compañeiras fixeron unha performance para dar paso ás intervencións dunha representante do Centro de Día A Concordia, doutra do Observatorio da Mariña pola Igualdade, e de alumnado dos colexios Sagrado Corazón de Xesús e Gregorio Sanz.
As e os asistentes aos actos gardaron tamén un minuto de silencio polos 44 feminicidios cometidos no Estado español no que vai de ano. A concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, foi a encargada de ler o manifesto conmemorativo deste 25N. O acto, no que participaron diferentes colectivos sociais ribadenses, rematou coa interpretación dunha peza musical e cun aplauso en memoria das vítimas.
Con esta xornada rematou a campaña Ribadeo en negro, que deu comezo a semana pasada con diferentes actividades, ás que se sumaron un cento de establecementos comerciais da vila.