A Mariña, 24 de novembro de 2016. A campaña da Federación de Comercio A Mariña remata este sábado no Vicedo co sorteo de 2.000 euros en vales de compra para gastar nos establecementos asociados.
Durante estes días os clientes que están a facer as súas compras ou consumindo na hostalaría local deben gardar os seus tíckets de compra para que o propio sábado se dirixan á carpa de A Mariña Federación, que estará situada fronte á Casa da Cultura entre as once da mañá e as dúas do mediodía e entre as cinco e as oito e media da tarde, e alí obterán as rifas para participar no sorteo presencial que se celebrará ás 20.30 horas. A organización dará unha rifa por cada tícket superior aos 10 euros.
Os 2.000 euros en vales de compra para gastar nos locais asociados á Acia de O Vicedo repartiranse en 10 premios de 100 euros cada un, un premio de 200 euros, un premio de 300 euros e un premio de 500 euros.
A Federación de Comercio A Mariña sorteou durante os meses de outubro e novembro 12.000 euros en vales de compra para consumir nos establecementos asociados ás Acias e CCAs de Viveiro, Ribadeo, Foz, Burela, Xove e O Vicedo. O obxectivo desta campaña “é potenciar as compras no comercio máis próximo, no que temos a carón da casa, e no que podemos atopar todo o que precisemos”.