Dentro do programa de obradoiros e actividades de outono que ofertamos no Museo Provincial do Mar de San Cibrao este martes 1 de novembro desenvolveron a actividade “Samaín no museo”.
Participaron integrantes do noso Club Pequeamigxs e nel coñeceron que a tradición celta de celebrar a fin do verán ten unha fonda tradición en A Mariña. Moitos anos antes do Halloween comercial, os máis cativos adicábanse a baleirar cabazas e nabos para tallar terroríficos sorrisos que brillaban grazas ás candeas que introducían no interior.
Ademais souberon que segundo as crenzas, esa noite comunícanse o mundo dos vivos e o dos mortos, logrando o reencontro entre persoas queridas.
Neste obradoiro didáctico tamén realizaron algunha monstruosa creación como cabazas, pantasmas, teas de araña e pinchos de lambetadas. Pasámolo de medo!
O próximo obradoiro para os Pequeamigos terá lugar o sábado, 19 de novembro de 11:30 a 13:00 h, co título Outono no mar.
Para participar nestes obradoiros, como sempre totalmente gratuítos, só é necesario inscribirse no propio museo, chamar por teléfono ou a través do correo electrónico museodomar@museolugo.org.