Ribadeo, 13 de decembro de 2016. Estes días dan comezo as obras de acondicionamento e mellora da rúa paralela á Avenida Ría de Ribadeo, no barrio de Vilar. Esta actuación suporá un orzamento de máis de 33.000 euros e lévase a cabo grazas ao convenio asinado entre o Concello e Mercadona.
O alcalde, Fernando Suárez, sinala nunha carta enviada aos veciños da zona que “estas obras veñen motivadas polo convenio asinado entre o Concello de Ribadeo e o establecemento comercial Mercadona, coa finalidade de ofrecer unha maior previsión de funcionalidade do tráfico que se poida xerar na saída do establecemento, sobre todo en determinados momentos de intensidade circulatoria, polo que a saída destes novos tráficos faranse cara ás rotondas de acceso á autovía”.
O rexedor manifesta que “para garantir a fluidez e seguridade no tráfico, desde o Concello instóuselle a esa superficie comercial da necesidade de acondicionar o vieiro de saída na súa totalidade e non só o estritamente necesario para os seus clientes”.
Suárez Barcia explica na misiva enviada ás veciñas e aos veciños de Vilar que “estas obras consistirán no fresado de cruces, limpeza de bordos, dotación dunha nova capa de aglomerado asfáltico, pintura dos bordos da calzada, entubado de augas pluviais no encontro co camiño que vai ao Parque Empresarial. E Contará este vieiro cun paso elevado para os peóns”.
O alcalde engade que “esta actuación, de máis de 33.000 euros de orzamento, é financiada integramente a cargo do convenio referido con Mercadona”. E pide desculpas polas molestias que se poidan ocasionar: “como sempre que se levan a cabo obras, a realización das mesmas supón, de xeito inevitable, unha serie de incomodidades e molestias temporais que estou seguro vostedes saberán comprender e desculpar, desde o seu coñecemento da importancia e dos beneficios que as mesmas han supoñer, especialmente para os veciños e veciñas dese entorno”.