Foz, 8 de decembro de 2016. A proxección de películas, o Mercado de Nadal e varios concertos son algunhas das principais actividades programadas para este Nadal pola Concellería de Cultura en Foz e que terán o broche de ouro coa Cabalgata de Reis o día 5 de xaneiro.
A responsable de Cultura, Silvia Blach, anuncia que “este sábado, día 10, ás seis e media da tarde na Casa da Cultura teremos teatro musical. A compañía Galitoon vai facer a obra Güela-Güela e o prezo vai ser 1,5 euros para nenos e 2,5 euros para adultos. O xoves día 15 ás oito e media da tarde haberá cine na Casa da Cultura. Veremos a película Nove ondas, un drama español de 2013, a un prezo de 3 euros. O venres 16 teremos Payasolandia ás seis e media na Sala Bahía; o prezo vai ser 10 euros pero con invitación farase un desconto e será 8 euros. O sábado 17 ás seis e media da tarde na Sala Bahía haberá un festival en beneficio do asilo de anciáns de Foz e participarán o Coro Parroquial de Foz, o grupo Mar Aberto, os coros da Escola Municipal de Música de Foz e a Coral Polifónica de Foz. O prezo será de 3 euros ou a vontade”.
Silvia Blach subliña que “do luns 19 ao venres 23 na rúa Álvaro Cunqueiro, moi preto da Casa do Concello, imos ter o Mercado de Nadal, onde se poderán atopar varios artigos e produtos para facer os nosos agasallos de Nadal. O xoves 22 ás seis e media da tarde teremos cine na Casa da Cultura. Será unha comedia familiar de animación, Noite de Paz, e cun prezo de 3 euros. Ese mesmo día ás oito e media na igrexa parroquial celebrarase o Festival de Nadal da Escola de Música coas actuacións do coro infantil da Escola de Música, o coro xuvenil e o grupo Prebanda. A entrada vai ser gratuíta”.
A edil de Cultura salienta ademais que “o sábado 24 teremos, ás doce, a visita de Papá Noel polas rúas de Foz. Así que esperamos que todos os nenos que queiran achegarse poidan vir visitar o noso Papá Noel para poderlle entregar a súa carta ou sacarse unha foto con el. Despois teremos o concerto de Nadal na rúa, no que os nenos da Banda Municipal de Música de Foz e da Escola de Música actuarán na rúa peonil Xoan Montes”.
Blach engade que “o domingo 25 teremos o tradicional Concerto de Nadal da Banda Municipal de Música de Foz dirixida por Abel Riveira, que vai ser na igrexa parroquial ás oito da tarde. O xoves 29 ás seis e media imos ter cine na Casa da Cultura; por soamente 3 euros pódese ver a película de animación Meigallos. O sábado 31 ás doce do mediodía celebrarase o concerto de Nadal na rúa que vai ser dado pola Banda Municipal de Música de Foz e a Escola de Música na rúa peonil Xoan Montes”.
Por último a concelleira de Cultura subliña que “o xoves 5 de xaneiro ás sete e media da tarde imos ter a Cabalgata de Reis. Os reis van saír da praia da Rapadoira percorrendo as rúas da vila ata o belén vivinte que se atopará na Casa do Concello. Ao remate haberá churros con chocolate e roscón de reis no patio do colexio Número 1 de Foz. Esas viandas van ser doadas por colaboradores desta cabalgata, que este ano vai ter moitas novidades e por iso convidamos a todos os nenos do concello e arredores a que se acheguen a ver aos Reis Magos en Foz”.



















Tras unha parada nas Pontes para contemplar o lago e lembrar o pasado industrial da zona, o grupo visitou Pontedeume, onde repasou a historia da liñaxe dos Andrade e percorreu unha vila chea de patrimonio e vitalidade. Pola tarde, no mosteiro de Sobrado dos Monxes, os participantes apreciaron o legado da orde do Císter e do barroco galego, e escoitaron parte dunha mostra de música coral. A entidade agradeceu as explicacións de Enrique Campos, secretario da ACFL, así como as achegas de Celia Castro sobre arquitectura medieval e a vida cisterciense.
A conselleira do Medio Rural acompañada polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asistiu este sábado á feira e festas das San Lucas.
A mostra inaugúrase o luns 19 de outubro ás 12.00 horas na Casa da Cultura, onde permanecerá aberta ao público ata o 19 de novembro. A iniciativa, promovida polo Concello, ofrece unha selección de obras nas que o artista explora a cor, a luz e a expresión contemporánea, consolidando a súa traxectoria dentro deste movemento artístico.
Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.



