Burela, 27 de decembro de 2016. Comezaron as obras de reparación en diferentes parques infantís de Burela, segundo ven de informar a Concellería de Obras e Servizos. Os traballos enmárcanse dentro do convenio de colaboración entre o Concello e a Deputación de Lugo e contan cun presuposto de 8.463,95 euros.
O concelleiro de Obras, Ramiro Fernández, comentou que “estas actuacións eran unha prioridade para o goberno municipal xa que despois da importante actuación que se fixo no parque Rosalía de Castro cunha inversión que roldaba os 40.000 euros, vimos a necesidade de actuar noutros parques do noso pobo, que se atopaban moi deteriorados cando accedemos ao goberno deste Concello”.
O edil socialista lembrou que “xa dixemos cando comezamos a lexislatura que os parques ían a ser unha prioridade nas nosas actuacións, e así o estamos a demostrar con feitos”
Estas actuacións vanse centrar no parque do Campón, no parque de Tíjola e nas áreas recreativas do Monte Castelo e Cantiño que tiñan problemas serios de conservación: “a previsión é a de reparar aqueles xogos que están danados ou en mal estado e repoñer algún outro que non se poida reparar. Entendemos que con esta actuación os parques quedarán en bo estado para o seu uso de xeito seguro e intentaremos seguir mellorando estas instalacións”, engadiu Ramiro Fernández Rey.
O concelleiro de Obras e Servizos indicou que “se vai seguir a traballar por parte do equipo de goberno en mellorar os parques e áreas recreativas de Burela e de cara ao ano 2017 os presupostos que se aprobarán no vindeiro pleno, que se celebrará o vindeiro día 30 de decembro, xa contempla unha partida de 35.000 euros para actuacións en parques e xardíns o que demostra a clara aposta deste goberno para que os máis pequenos teñan unhas zonas de xogo seguras e o mellor dotadas posible para o seu goce”.