Burela, 12 de decembro de 2016. A Concellería de Obras e Servizos do Concello de Burela informa que este luns saíron publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases de licitación para dúas actuacións importantes para o pobo de Burela.
O concelleiro de Obras e Servizos e primeiro tenente alcalde, Ramiro Fernández, explicou que “se trata en primeiro lugar dun proxecto de asfaltados de varias rúas de Burela, especialmente na Avenida Arcadio Pardiñas, que contan cun presuposto de execución que ascende a 150.000 euros e que vai supoñer unha mellora moi importante no pobo, xa que se actuará en zonas que teñen o asfalto moi deteriorado”.
O edil socialista indicou que “outra das actuacións que sae publicada hoxe no BOP é na mesma liña que a anterior, que é a de mellorar as infraestruturas do pobo. Trátase dunha actuación en beirarrúas que están moi deterioradas e que incluso poden supoñer un problema de seguridade polo estado no que se atopan. Esta obra conta cun presuposto de 40.000 euros e vai supoñer unha mellora importante en varias rúas nas que as beirarrúas presentan un mal estado de conservación”.
Fernández Rey dixo que “estas actuación contan cunha importante axuda da Deputación de Lugo, xa que son financiadas na súa meirande parte polo convenio asinado entre a institución provincial e o Concello, polo que tamén é preceptivo o recoñecemento á Deputación de Lugo e felicitarnos dende o pobo de Burela desta axuda”.
O prazo de presentación de ofertas por parte das empresas interesadas é de 26 días naturais dende a xornada de hoxe e as ofertas poderán presentarse a través do portal de contratación www.leal.gal. A documentación e información sobre estes proxectos está publicada na sede electrónica do Concello de Burela http://burela.sedelectronica.es.
O concelleiro de Obras e Servizos engadiu que “dende o equipo de goberno de Burela entendemos que estas actuacións van mellorar a vida dos veciños e das veciñas do noso pobo e queremos valoralas moi positivamente xa que eran actuacións moi demandadas por veciños e comerciantes”.