Foz, 22 de decembro de 2016. O Concello de Foz ven de instalar un novo cruceiro na fonte de Marzán despois de que fora danado por un temporal no pasado inverno.
O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, anunciou que “vimos de colocar o novo cruceiro na fonte de Marzán. Como ben saben os veciños de Foz e de Marzán e moitos que pasan pola estrada de Foz no seu acceso principal, levábamos varios meses sen ese cruceiro porque tirouno o temporal no pasado inverno. Unha vez encargado o novo xa quedou colocado”.
Javier Castiñeira explicou que “é un cruceiro que se botaba moito de menos porque está moi á vista. O anterior, que tiña 25 anos e polo tanto non era un cruceiro antigo porque xa se fixo novo no seu momento polo traslado do que era o orixinal, pois había un cruceiro antes no chamado Cristo, moi preto da localización de agora”.
O alcalde de Foz asegura que “o que se trataba tamén era de mellorar un pouco o existente e creo que se conseguiu ese reto. Estamos satisfeitos e agradecemos a colaboración total da asociación de veciños de Marzán, a través do seu presidente, posto que grazas a eles conseguimos facer un cruceiro como se merece ese cruce de camiños, moi visible na entrada de Foz”.