A Mariña, 4 de xaneiro de 2017. O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, fai un balance positivo do proxecto Rede de puntos limpos para a reciclaxe de residuos machistas, que se desenvolveu entre setembro e decembro do pasado ano. Houbo diferentes actividades coordinadas cos CIM e tamén nos centros de ensino. En total preto de 700 os alumnos e alumnas foron partícipes deste programa. Llano anunciou que a Mancomunidade tentará darlle continuidade ao longo deste 2017.
Desde a Mancomunidade o seu presidente contou que “houbo unha clara achega fundamentada para que poidamos continuala no futuro, porque o que fixo o premio Coopera, que recibimos o ano pasado, foi crear as bases para seguir insistindo nestas iniciativas. Xa iremos completando algunha cousa que quedou pendente e que vexamos que pode ser boa para levar a cabo este tipo de accións contra a violencia machista e a favor da igualdade”.
Alfredo Llano indicou que “estas achegas son moi positivas para o conxunto da sociedade. Agora mesmo estamos sensibilizados os 16 Concellos da Mancomunidade en continuar dalgún xeito con este proxecto, que iremos estirando durante o tempo que faga falla”.
O presidente da Mancomunidade dixo que “este proxecto foi un éxito tanto na súa valoración, debido ao premio Coopera recibido no seu día, como na súa execución. Traballouse moito a través dos 16 Concellos e dos seus técnicos de igualdade e de benestar, houbo actuacións e coordinacións conxuntas para ver onde estaban e onde se podían atallar aquelas ameazas de violencia de xénero e a favor da igualdade. O programa chegou a moitos institutos da comarca, en concreto ao alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato. En total foron arredor de 680 alumn@s os que participaron neste proxecto da Mancomunidade. Consideramos que están nas idades nas que se debe iniciar e ser consciente da problemática real que supón a violencia de xénero. E tamén se fixo unha páxina web para comunicación, valoración e intercambio de ideas entre os diferentes Concellos”.
Llano subliñou tamén “o claro apoio dos Concellos que tivemos no acto realizado o pasado 25 de novembro no IES Pedouro de Burela, onde todos os alcaldes asinamos un documento a favor da igualdade e en contra da violencia de xénero. Foi algo singular e novedoso na comarca”. E engadiu que “este proxecto foi estimulante, foi ben tanto a execución como a proposta que hai agora cara o futuro. Na Mancomunidade imos asumir a continuidade deste proxecto a través doutros programas. Parécenos un tema moi importante para abordar en todos os Concellos e así aportar as axudas que poidan precisar para que a violencia de xénero sexa abolida e traballar todos os días con efectividade a igualdade en todos os aspectos da vida común e ordinaria”.