A Mariña, 9 de febreiro de 2017. A Mancomunidade de Municipios da Mariña acordou no pleno ordinario celebrado este mércores en Foz solicitar unha subvención para custear unha parte dos cursos formativos para socorristas, que organizará nos vindeiros meses. Tamén serán os Concellos os que soliciten xuntanzas informativas a Medio Rural coa veciñanza de cada municipio sobre a polilla guatemalteca. Estes foron algúns dos acordos acadados nesa sesión na que tamén se aprobou a contratación dunha empresa para impartir a formación específica do plan Avanza.
Para Alfredo Llano foi un pleno positivo e no que se abordaron cuestións que son importantes para toda a comarca: “un dos asuntos que analizamos foi a integración total de Viveiro. Todos os Concellos aprobaron nos seus respectivos plenos esta integración e nunha vindeira sesión da Mancomunidade darémoslle o visto bo definitivo”. Llano contou que “outro dos temas tratados foi o plan Avanza. É un proxecto de formación, sobre todo pensando na inserción laboral de persoas que non o teñen moi doado, xente que está no paro e que ten difícil a inserción laboral. Hai seis concellos implicados neste plan Avanza para poder facer unha inserción laboral como mínimo de 21 persoas, das 60 que agora mesmo están realizando este programa que rematará o 31 de agosto. Neste instante estase a dar a formación transversal básica en Burela, en Barreiros e en Mondoñedo para facilitar a busca de emprego. A xente está ilusionada e interesada. Mereceu moito a pena levar adiante este programa. O que aprobamos foron as bases para proceder á contratación dunha empresa que impartirá a formación específica en tres campos, que son atención sociosanitaria, operacións básicas de restauración e bar, e selvicultura, agrogandeiría e pesca. A única intención será empregar a parte desta xente nalgunha empresa relacionada con estes sectores”.
O presidente da Mancomunidade explicou que “falamos tamén da avespa velutina e de cómo se aplican os protocolos para erradicala e tamén nos centramos na polilla guatemalteca. Chegamos á conclusión de que cada Concello solicitará a Medio Rural a celebración de xuntanzas informativas en cada municipio para abordar esta nova problemática. Estivemos analizando si facer xuntanzas conxuntas ou por separado e finalmente optamos pola segunda das opcións”.
Sobre a presenza de socorristas durante o vindeiro verán nos areais do litoral Alfredo Llano lembrou que “xa o ano pasado tivemos déficit destes profesionais e desde a Mancomunidade queremos facilitar formación para que os rapaces que o desexen poidan realizar un curso homologado de socorrismo e así poder ter traballo durante o verán ao longo de dous ou tres meses, tanto nas praias como nas piscinas da nosa comarca. Estes cursos teñen un custo elevado entón o que faremos será organizar algún para que remate antes de xuño, solicitaremos subvencións á Deputación de Lugo ou á Xunta para que se faga cargo dun terzo do seu custo por alumno, outro terzo que o paguen os concellos que precisamos socorristas durante o verán e o terzo restante que o pague cada alumno o alumna, porque serán os que leven o título para a casa. Queremos ter socorristas suficientes para afrontar a vindeira campaña de verán”.
No pleno ordinario celebrado este mércores os Concellos tamén analizaron a sinalización da Mancomunidade, da comarca como tal: “despois de participar en Fitur hai unha cuestión que vemos moito máis clara, que é poñer A Mariña como xeodestino turístico, e buscaremos as maneiras de que esta comarca se dea a coñecer como algo único. Hai unha subvención para cartelería que queremos colocar ás entradas da comarca vindo de Asturias, da Coruña ou de Lugo. Levaría o noso emblema da Mariña lucense e tamén o nome de cada Concello e aí indicaríanse os atractivos turísticos de cada municipio. Este ano non dará tempo de facelo, porque temos que inscribirnos no catálogo correspondente que xestiona a Axencia Galega de Turismo. Farémoslle chegar a nosa petición e procuraremos levalo adiante en canto sexa posible, quizais o vindeiro ano”.
Sobre a xuntanza pendente con Feve Llano indicou que “temos pendentes reunirnos con Feve, con técnicos ou responsables desta liña, para falar basicamente daquela proposta que xa temos nosoutros plantexada desde a Mancomunidade, unha mellora nas liñas, nas estacións e sobre todo unha garantía de servizos para a xente que puidera vir visitarnos, ofertar algo específico como poden ser os trens turísticos. Estamos pendente de toda a reorganización que está a levar adiante en Feve e en Adif para concretar esa xuntanza, que é moi importante para nós”.
Finalmente Alfredo Llano referiuse á proposta realizada polo alcalde de Foz “para que o edificio do Cenima sirva como soporte para distribuír toda a información turística da comarca da Mariña e dos seus recursos e atractivos. Alí podería haber vídeos, folletos, exposicións permanentes ou eventos que busquen a difusión turística da Mariña. Todos os Concellos deben ter nas súas oficinas de turismo información de toda A Mariña, a parte da específica de cada municipio deben contar coa do resto dos membros da Mancomunidade. O Cenima pódenos servir perfectamente para este cometido. No próximo pleno ordinario é posible que xa aprobemos esta cuestión que onte expuxo o alcalde de Foz, Javier Castiñeira”.






















Os servizos sanitarios trasladaron ao hospital a tres persoas implicadas nunha colisión frontal en Castro de Rei. Unha delas tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Vilalba. Contra as 11:15 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun choque entre dous vehículos no quilómetro 71 da N-640, á altura da parroquia de Viladonga. Desde o punto, os alertadores sinalaron que unha persoa permanecía atrapada. Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros liberaron á persoa, que foi trasladada xunto con outros dous feridos ao hospital en ambulancia.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.
A artista, referente da música popular galega, conectou cun público diverso que gozou dunha sesión vermú marcada por máis de trinta anos de traxectoria. O concerto serviu tamén como despedida e recoñecemento a Valentín González e Viviana Pérez, que deixan a organización da comisión de festas tras dúas décadas. O deputado de Mocidade, Daniel García, destacou a importancia da implicación veciñal para manter vivas as celebracións que fortalecen a identidade comunitaria e reafirmou o apoio da Deputación ás redes asociativas e á programación cultural en galego. A actuación forma parte da iniciativa provincial para achegar música tradicional e en galego a todos os públicos.
Cómpre sinalar que este produto conta cun distintivo de calidade diferenciada, a Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá, un dos 36 selos recoñecidos en Galicia que amparan a súa excelencia. Neste sentido, a Xunta vén de lanzar a nova marca Aquí Sabemos, coa que se busca reforzar o coñecemento e a identificación por parte dos consumidores dos produtos alimentarios galegos protexidos por figuras de calidade diferenciada.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
O evento ofrecerá mel, produtos de tempada, artesanía, gastronomía e outras propostas locais. O Concello do Valadouro mantén aberto o prazo de inscrición para persoas e empresas expositoras, que poden presentar a súa solicitude na sede electrónica ou nas oficinas do Centro Socio-cultural, Xuvenil e da Terceira Idade “Manuel Lourenzo” ata o martes 6 de outubro, ou ata completar os postos dispoñibles.
Neste espazo radiofónico Félix Jorquera falou coa alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; co concelleiro de Cultura, Manuel Arango; con José Cuadrado, presidente da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá e pregoeiro desta edición da festa; co chef Pedro Barreira; e con Antonio Irimia, presidente do club VespaFaba & Clásicos, de Lourenzá. Por diante queda toda unha fin de semana chea de actividades arredor da faba de Lourenzá. Os organizadores animan a acudir a esta cita.



