Ribadeo, 4 de febreiro de 2017. O presidente da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (Apaga), Álvaro Doural, fai unha valoración positiva da visita cursada á Mariña e ao Occidente asturiano por Jean Pacheco, produtor de agricultura ecolóxica en Francia, que compartiu onte e hoxe a súa experiencia en Tapia, Ribadeo, Mondoñedo e Lourenzá. A actividade enmarcouse dentro do proceso de internacionalización de Apaga e como apoio ao sector primario. Apaga contou coa colaboración dos Concellos de Ribadeo, Mondoñedo e Lourenzá.
Jean Pacheco contoulles aos asistentes ás charlas “cómo están montados os seus invernadoiros de 5.000 metros cadrados, onde cultiva máis de 70 variedades de froitas e legumes que vende sobre todo en curtocircuítos en asociacións para a preservación da agricultura campesiña (AMAP) da rede de Île-de-France. Eses invernadoiros son instalacións con dobre capa e unha cámara de aire, que os produtores desta zona ven moi difícil realizar debido aos custes que supoñen”, explicou Álvaro Doural.
O presidente de Apaga contou que “Pacheco relatoulles aos asistentes que non ara as fincas para cultivar os seus produtos, nin remove despois a terra, o que fai son pequenas incisións na terra cunha máquina e despois empregando gas queima o terreo ata uns 15 centímetros de profundidade para eliminar os bichos, as malas herbas, as pragas, etc. Nas charlas tamén se falou de cuestións legais e curiosas para esta zona como que os consumidores de París, cos que ten contrato para a venta de cestas dos seus produtos, teñen que colaborar nos traballos das súas fincas polo menos dez días ao ano. Falou dos operarios cos que conta, dos 20 euros que lles paga por hora de traballo, que contrastan cos 6 ou 8 euros desta zona, entre outras moitas cousas, dos seguros, do pago anticipado das cestas que lle encargan e que el mesmo reparte entre os seus consumidores, etc”.
A visita de Jean Pacheco deu comezo onte, venres, na Fundación Edes, en Tapia de Casariego. Alí mantivo unha xuntanza con produtores de Tapia, de Boal e de Xixón, cos alumnos do centro e cos mestres. Despois en Ribadeo na Casa das Letras ademais de produtores locais acudiron a escoitar a Jean Pacheco consumidores de agricultura ecolóxica. Esta mañá en Mondoñedo este produtor francés reuniuse con produtores locais de horta e agora ás 20:00 horas a xornada concluirá en Lourenzá onde ofrecerá unha conferencia na cooperativa Terras da Mariña na que falará da súa experiencia en agricultura ecolóxica. Nesa visita Jean Pacheco reunirase con produtores de Lourenzá, Trabada e Barreiros.