Mondoñedo, 3 de febreiro de 2017.- O Concello de Mondoñedo levará ao pleno do próximo mes de febreiro as bases reguladoras do bono infantil, consistente na creación de axudas económicas dirixidas a familias residentes e empadroadas no municipio, cuxos nenos ou nenas non teñan praza na escola infantil.
A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, explica que a ordenanza que “prevemos aprobar na próxima sesión plenaria regula a posta en marcha dunhas bolsas para o pago de servizos especializados de atención a nenos e nenas”, é dicir, matiza a rexedora, “dende o Concello subvencionaremos o custo que supón o coidado dos nenos e nenas axudando no abono das facturas que os pais deben afrontar polo coidado dos seus fillos”. Neste eido, Candia lembra que no municipio existe un centro que presta estes servizos de conciliación da vida familiar e laboral, posto en marcha por tres mozas emprendedores. Así, engade a popular, “a axuda tamén permitirá que sexan máis competitivas na prestación destes servizos”.
Bases
As bases deste bono infantil establecen que serán beneficiarios das subvencións os proxenitores, xa sexan casados, parellas de feito ou familias monoparentais que teñan fillos, así como os adoptantes de nenos e nenas que residan no Concello.
Os parámetros económicos que regulan as axudas son os mesmos baremos que se establecen nas gardarías municipais. Deste xeito, a contía da axuda dependerá da renda per cápita dos proxenitores e subvencionarase dende o 100 ata o 10% do servizo. O pago da axuda concedida realizárase directamente á empresa que preste o servizo.
Forte aposta por un servizo global de concialización para o fomento da natalidade
O obxectivo deste bono infantil é o de proporcionar, segundo explica Candia, “oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral”. Así, a rexedora analiza que o descenso de poboación e do índice de natalidade “é unha constante neste Concello, polo que unha das medidas que se consideran importantes é por en marcha o fomento de axudas para que as unidades familiares que vivan en Mondoñedo poidan conciliar a súa vida laboral e familiar do xeito mais axeitado posible”.
Así coa finalidade de apoiar as familias para fomentar a natalidade e fixar poboación, o Concello de Mondoñedo xunto ás medidas para incentivar a natalidade con axudas directas por nacemento, o Goberno local tamén está a avanzar na idea de “ter un servizo global de conciliación ou incluso apoiar a creación dun servizo de canguros para que os país podan conciliar a vida familiar e laboral”.