Burela, 3 de febreiro de 2017. Burela está presente estes días na feira Xantar, en Ourense. O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey, acompañado dos delegados de Medio Ambiente e Festexos, desprazábanse hoxe ata a cidade das burgas para promocionar Burela como destino de vacacións.
Ramiro Fernández Rey contou que “no día de hoxe desprazámonos a Ourense para estar apoiando un pouco o stand que temos colocado aquí en Xantar.Tanto eu como a delegada de Medio Ambiente e o delegado de Festexos do Concello de Burela viñemos a apoiar a labor de promoción que estamos facendo aquí. É unha feira importante, que ten contido internacional, e que entendemos que o Concello de Burela nestes actos debe estar”.
O edil socialista subliñou que “a valoración de momento está sendo moi positiva. O stand está tendo bastante afluencia e contamos que de cara ao fin de semana teñamos moita máis presenza de visitantes, xa que entendemos que estes días vai haber moita máis xente aquí”.
O concelleiro lembrou que “o Concello de Burela adquiriu un compromiso con Conservas Ares, a conserveira da zona, para que aquí en Xantar puideramos facer unha degustación do noso ben máis prezado, que é o bonito do norte. Estamos observando in situ que a degustación está tendo éxito, e que a xente está achegándose ao stand a probar bonito e a buscar información tamén de Burela”.
O responsable municipal de Turismo manifestou que “no turismo que máis visita Burela o galego está entre os que máis se achegan e tamén os asturianos, e entendemos que esta é unha boa oportunidade para que no interior de Galicia, neste caso Ourense, entre a xente que ao final busca tamén no seu tempo de vacacións a praia e a tranquilidade, promocionar Burela e marcala como un destino de turismo de tranquilidade, familia, e de estar con nós gozando das nosas praias e dos nosos encantos”.