Cervo, 03 de febreiro de 2017.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, recórdalle ao Partido Socialista que a baixada do 2% do seu salario que se aprobou no último pleno ordinario, é a terceira redución voluntaria que fai dende que chegou ao Concello. De feito, o rexedor de Cervo cobra hoxe 3000 euros menos que no ano 2007, cando chegou á alcaldía; en case 10 anos o seu salario pasou de 42.000 euros brutos a 39.000.
Ademais, no ano 2000, cando gobernaba este Concello José Insua, Villares recorda que “renunciei a unha dedicación parcial como edil de 120.000 pesetas, daquela; son datos económicos que están ahí, que non era a miña intención acentuar, pero, tendo en conta a amnesia que aparentan algúns da oposición, fago eu para eles ese exercicio de memoria”.
Nesta liña, Villares quixo subliñar, que “o máis importante para min nestes momentos é ser o alcalde dos meus veciños, e brindarlles todo o meu tempo e dedicación, seguir a traballar cunha entrega absoluta, por e para eles”. Neste senso, e reestruturación que aprobamos no último pleno –engadiu- “responde única e exclusivamente a iso, a mellorar a calidade dos servizos que prestamos aos cervenses”.
Ademais, con respecto á incorporación dun traballador eventual en materia de información e comunicación no eido local, que “nós consideramos primordial”, Villares afealle ao PSOE “que igual pensa o ladrón que todos son da súa condición, como di o dito; igual pensan que todos somos iguais, e non. A utilización partidista desta persoa é un argumento absurdo e pobre, porque a oposición sabe que se trata dunha persoa totalmente aséptica, profesional, que prestará un servizo fundamental neste Concello”.
Nos tempos que corren recordámoslle ao PSOE, como tamén lle dixemos no pleno, “que vemos como unha necesidade contar cun profesional con esta cualificación e que desempeñe esta función, para dotar de maior transparencia, proxección e visibilidade ao municipio en tódalas facetas”. A veciñanza, recibirá, deste xeito, regularmente información do seu interese, ao verse reforzada tamén a presenza de Cervo nas redes sociais.
Por outra banda, “tamén vemos que o PSOE valora de xeito negativo que se incremente o peso e a axenda das delegacións de Educación, Cultura e Xuventude e nós, pola contra, entendemos que son o motor dinamizador do noso Concello e creemos que debemos incrementar e mellorar no posible os servizos que se prestan neste eido aos veciños. Parece que o PSOE non o ve asi” sentencia Villares.