Santiago, 28 de marzo de 2017.- O Plan de Banda Larga da Xunta facilitará este ano o acceso a internet con velocidades de ata 350 Mbps a 7 polígonos da provincia de Lugo. Así o anunciaron esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, o director xeral de R, Alfredo Ramos, e o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.
As actuacións do Plan comezaron en 2016 e xa hai 1 polígono da provincia que dispón deste servizo, que continuará estendéndose a outros 7 en 2018. Unha vez completado o Plan, o 85% das superficies empresariais ocupadas da provincia terán acceso a redes de máis de 100Mbps.
Ademais, como complemento a esta actuación, a Amtega vén de abrir unha convocatoria de axudas para dotar de redes ultrarrápidas a empresas e autónomos das zonas máis illadas do rural.
350Mbps e servizos R de valor engadido
As empresas dos polígonos beneficiados desta actuación do Plan poden contratar servizos de Internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de ata 350 Mbps de baixada e 35 de subida, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.
Ademais, R pon a disposición das empresas dos polígonos a tecnoloxía necesaria para que poidan acometer a súa transformación dixital. Nesta liña están os servizos e solucións na nube como a videoconferencia ou a posibilidade de usar os seus equipamentos e o software como servizo pagando só polo uso que deles fan, sen necesidade de investir. Outra opción á man destas empresas é o acceso aos servizos do chamado Internet das Cousas (IoT) e da industria 4.0, relacionados coa eficiencia enerxética, control de intrusións nas edificacións, servidores virtuais e analítica de datos (big data), entre outros.
Estas solucións intégranse en centros de datos profesionais, coma se formasen parte da rede local da empresa. Proximidade, polo tanto, e tamén flexibilidade para adaptarse ás necesidades dos negocios en cada momento.
E todo isto, grazas ás vantaxes das redes FTTH (Metro, RFoG, GPON…), que levan a fibra óptica ata a propia empresa nestes polígonos xa conectados ás redes ultrarrápidas de R
Prazos e orzamento
En 2016 completouse o despregamento en 17 polígonos en toda Galicia. En 2017 cubriranse outros 30 e en 2018 os 34 restantes. Deste xeito, no ano 2018, un total de 130 polígonos, nos que se concentra case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mpbs. O resto cubriranse nas seguintes actuacións previstas no Plan.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), subvenciona estes despregamentos cunha axuda de 3,4 millóns de euros, que xerarán un investimento total de de 5,2 millóns de euros. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
Axudas para empresas das zonas máis illadas
Para aquelas empresas que están fóra dos recintos industriais e en zonas illadas a Amtega vén de poñer en marcha unha nova medida do Plan de Banda Larga, unha convocatoria cun orzamento de 500.000 euros, que se poderá ampliar ata un máximo de 1 millón de euros en función da demanda. Estas axudas subvencionarán ata o 100% dos custos das tarefas necesarias para dotar de banda larga ultrarrápida á empresa, ata un máximo de 20.000€ por beneficiario. Non obstante, os proxectos deberán ter un custo mínimo de 2.000€.
Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
Prazos e características da convocatoria
Os interesados poderán presentar as súas solicitudes ata o 20 de abril. Os principais requisitos e obrigas que deberán cumprir os solicitantes serán non dispoñer actualmente da posibilidade de acceso a redes ultrarrápidas de cando menos 30 megas e manter a alta no servizo contratado inicialmente durante cando menos 1 ano.
Para cada solicitude valorarase a mellora que supón o servizo de banda larga ultrarrápida incluído na proposta, o esforzo investidor previsto e valoraranse tamén as solicitudes recibidas das pequenas empresas.
Plan de Banda Larga de Galicia 2020
O Plan de Banda Larga de Galicia 2020, aprobado o 1 de outubro de 2015 no Consello da Xunta, asume os obxectivos establecidos na Axenda Dixital para Europa de garantir unha cobertura de banda larga de cando menos 30Mbps para a totalidade da poboación e impulsar a contratación nos fogares de servizos de banda larga por riba dos 100Mbps.
























O espectáculo participativo A verbena de antes -con O Xeito e Airiños da Freba-, ao mediodía, e unha mostra etnográfica e as actuacións de Amado Lar e A Volta do Agro, pola tarde, protagonizaron o último día das Xornadas, pensadas como un punto de encontro da cultural tradicional galega,e especialmente da comarca da Mariña.
Tamén puxo en valor o labor de Fonmiñá e a importancia dunha cita cultural que cumpre 48 edicións. Para Vilalba, a incorporación da actriz ao Paseo do Cine é un recoñecemento que a vila sente como propio.
A actividade permitiu aos nenos e nenas gozar dun espectáculo de maxia pensado para transmitir, dun xeito ameno e divertido, valores relacionados coa igualdade, o respecto, a convivencia e a eliminación de estereotipos. Con iniciativas como “Abrazando a igualdade”, o Concello de Xove continúa apostando por achegar aos máis pequenos actividades educativas diferentes, propostas culturais e de lecer nas que a cultura, a diversión e a transmisión de valores van da man.
Félix Jorquera conversou co alcalde, Fran Cajoto; coa concelleira de Cultura e Facenda, Inés López; con Pura García, que é directiva de Acia Foz-CCA; con Carmen Alonso, presidenta do Celtas de Foz; e coa dona da cafetería Marexada, Palmira Andrade. Con eles fixo balance do verán, que todos valoraron de xeito positivo, e analizou os proxectos para os vindeiros meses.
Trátase dunha viaxe para dúas persoas con estancia de catro noites nun hotel de catro estrelas en réxime de todo incluído, voos e equipaxe. O sorteo tivo lugar o pasado mes de xuño.
A cita previa pode solicitarse a través do teléfono 981.928.080 ou da web
A medida tamén fai que as familias perdan a gratuidad do comedor escolar, asumindo un gasto novo. O Concello reclama recuperar a parada mentres non exista unha alternativa segura e manter tanto o transporte como o comedor gratuíto, pedindo unha solución urxente que non prexudique ás familias de Mántaras.



