“Antes de que poidamos perdoarnos os uns ós outros teremos que entendernos.”
Emma Goldman
Que a cita que encabeza o presente artigo sexa unha síntese, o perfecto corolario do sentido que se lle quere dar á presente opinión.
Unha das apelacións e arengas máis habitual na retórica política ten que ver co “pobo” e coa “vontade popular” aínda que a evidencia práctica está a demostrarnos nestes días que esta é absolutamente dispar e heteroxénea.
Un exemplo: o recente debate a propósito da donación da fundación de Amancio Ortega de 320 millóns de euros adicados á adquisición de equipos oncolóxicos. Discuten aqueles que entenden tal acción coma un alarde de filantropía e quen alude á dobre moral do que fai uso da enxeñería fiscal para axustar as súas obrigas.
O obxecto da discusión, personalizado na figura do empresario coruñés, resúmese en que é unha cuestión moi complexa e que, por tanto, un débese manifestar a favor ou en contra. Avívanse sesudas e encarnizadas tertulias onde a conclusión final e vilán ou heroe.
Lonxe do tradicional debate existe un teórico, de ideas, que transcende o antedito; trátase de determinar se os axentes que interveñen na economía deben facelo con máis liberdade, xermolando o caldo de cultivo do emprendemento e da organización espontánea da economía, e, por outra banda, se existe un problema na actualidade con respecto á concentración de riqueza, non sendo esta lexítima en moitos casos e pechando o acceso ó consumo a moitos cidadáns.
Se elevamos un pouco a discusión, opoñendo ideas e fuxindo dos personalismos, penso que a porcentaxe de liberdade real na economía e na política é mínima e que, existindo unha problemática obxectiva en relación á concentración da riqueza, esta non só non é solventada polo estado, senón que as institucións públicas son instrumentos coactivos das clases dominantes.
Se damos por válido algún destes pensamentos será fácil determinar que as donacións de Ortega non son causa, senón, tan só, consecuencia e haberá que retomar a discusión a propósito das ideas e dos modelos. A condena ó entendemento.
Algo semellante está a pasar coa actualidade xurídica: aínda sen novas das reclamacións bancarias feitas polos prestatarios afectados polas cláusulas de chan, algúns comezan a impacientarse.
Trasladouse á opinión pública que os Bancos estaban na obriga de devolver as cantidades indebidamente cobradas das hipotecas e que, para iso, se articulaba un Real Decreto. Pecamos novamente de inxenuidade, pensamos os “poderes públicos” ían facer de garante. Novamente apagamos o lume con gasolina.
Agora, mediante auto de 4 de abril do Tribunal Supremo, a máis alta instancia xudicial dinos que non será de aplicación a doutrina que obriga á devolución íntegra para as sentenzas ditadas antes do pronunciamento en decembro do Tribunal de Xustiza da UE. Dita decisión non debera pillar por sorpresa a ninguén, consecuencias da lei e da cousa xulgada. Haberá que seguir pensando ó respecto porque, antes de que poidamos perdoarnos teremos primeiro que entendernos.