Alfoz 5-4-17. A pasada fin de semana, o grupo de veciños e veciñas de Alfoz promotores da agrupación de electores Veciños Independentes de Alfoz, celebrou o segundo aniversario da acta de constitución da agrupación, asinada o 2 de Abril de 2015, para poder presentarse ás eleccións municipais no concello de Alfoz.
Ademais de compartir unha comida de confraternidade, a agrupación independente, coa intención de establecer unha axenda de traballo para o ano en curso, celebrou unha reunión na que se trataron diferentes temas, entre eles, aqueles relacionados coa propia organización da agrupación, pensando nas eleccións municipais a celebrar dentro de dous anos, así como o nivel de execución do programa de goberno e a redistribución de responsabilidades para optimizar a xestión do colectivo.
Unha das propostas acordadas consistiu en fixar un calendario de reunións de forma que a agrupación se reunirá mensualmente os segundos luns de cada mes, sendo polo tanto a seguinte o próximo luns día 10 de abril. Entre os temas a tratar nas vindeiras reunións estarán as propostas do colectivo para os orzamentos municipais do exercicio 2017, que se pretenden aprobar en próximas datas, así como os informes dos membros do Grupo Municipal de VIA no Concello.
A nivel orgánico decidiuse estudar o proxecto de creación dun partido político independente de cara ás eleccións de 2019, un obxectivo que “non cambia o ideario da agrupación se non que simplemente lle pretende dar forma orgánica” como apunta Xabier Pardiñas, portavoz da agrupación, indicando que “desde o mesmo momento de asinar o pacto de goberno, VIA sempre intentou tomar decisións que non comprometeran o seu percorrido político a longo prazo”, por iso desde a agrupación pensan que é o momento de tomar a decisión da continuidade de VIA, considerando que, posto que as agrupacións de electores se extinguen oficialmente no momento de celebrar as eleccións, a formación dun partido permitirá garantir o seu futuro.
A agrupación de Veciños Independentes de Alfoz quere mostrar o seu agradecemento polo apoio mostrado polos veciños e veciñas de Alfoz nos dous últimos anos, recordando que están á súa disposición a través de calquera dos membros do grupo municipal e nos correos vialfoz@gmail.com e grupovia@concellodealfoz.com