Lugo, 31 de maio de 2017. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, presentaron este mércores as conclusións das mesas de participación sectorial, entrevistas a expertos e enquisas a empresas, que se levaron a cabo durante os meses de febreiro, marzo e abril, incluídas no Plan Estratéxico de Turismo da Provincia (2017-2020) posto en marcha polo Goberno da Deputación, que será presentado no vindeiro mes de xuño.
Campos Conde subliñou que “tras unha primeira fase de análise do sector turístico da provincia, levouse a cabo o plan de participación sectorial que incluíu entrevistas en profundidade con expertos, mesas de traballo e enquisas online. Cómpre destacar a elevada implicación que acadou esta segunda fase, posto que no seu conxunto participaron cerca de 250 axentes de todos os ámbitos e sectores turísticos”.
O Presidente lembrou que “o plan de participación sectorial deseñouse coa intención de realizar unha fase de consulta ao sector para que así todos os axentes do territorio puideran participar no deseño do Plan Estratéxico da Provincia de Lugo, xa que este plan pretende ser feito entre todos e para todos. A continuación realizarase unha fase de diagnose, estableceranse os retos e liñas estratéxicas e finalmente definirase o plan de acción”.
Pola súa parte, Vidal Baamonde subliñou que este Plan “toma como base as inquedanzas do sector, para recollelas, analizalas e desenvolver propostas que den resposta ás verdadeiras necesidades que poñedes sobre o mesa os que realmente contactades cos viaxeiros e palpades as súas sensacións cando veñen á provincia”.
O obxectivo xeral do Plan Estratéxico de Turismo da provincia de Lugo (2017-2020) é impulsar o crecemento e a transformación do sector turístico da provincia na procura dun modelo turístico máis competitivo, innovador e participativo que promova unha nova etapa no desenvolvemento turístico sostible.
Balance
Durante o plan de participación sectorial realizáronse:
– 5 mesas de traballo: con 152 persoas e 131 entidades participantes. Entre estas contouse coa representación de 48 Concellos, 28 Asociacións de diferentes sectores, 8 oficinas de turismo, 8 representantes de Museos, 6 representantes de Consellos Reguladores, 3 Clubs Náuticos, 2 Indicacións Xeográficas Protexidas, 2 Reservas da Biosfera, 2 Mancomunidades, 2 GDR e 1 Consorcio de Turismo de Ribeira Sacra.
– Entrevistas presenciais con 20 expertos que representan ao ámbito académico, sector público, sector social e sector privado. En concreto foron: 4 académicos, 7 grupos de desenvolvemento local, 2 mancomunidades, 1 consorcio, 4 representantes de asociacións, un representante da Xunta de Galicia, e un representante do Xacobeo.
– Enquisas online a representantes do sector turístico do ámbito privado. Contestaron finalmente de maneira completa ás enquisas 74 empresas.
Resultados e actuacións
Polo que respecta ás conclusións do plan de participación sectorial, centráronse na situación actual do sector turístico na provincia de Lugo, a identificación dos recursos e produtos estrela, as posibles actuacións de promoción e comercialización, así como a formación e profesionalización do sector.
En canto á situación do sector, as mesas de traballo consideran que o grao de desenvolvemento turístico na provincia é medio-baixo, mentres que para un 32% dos enquistados é baixo e para un 28% é moi baixo. Respecto ao potencial turístico, os xeodestinos Ribeira Sacra, Ancares-Courel, Lugo e Mariña Lucense son valorados como altos ou moi altos, e para a Terra Chá é medio, mentres que nas enquisas un 64% realizadas a empresas do sector contestaron que o potencial turístico da provincia é alto ou moi alto. Finalmente, as mesas de traballo determinaron que a competitividade do destino turístico é medio para Ribeira Sacra e Ancares-Courel, e medio alto para Terra Chá e Mariña Lucense, mentres que un 63% dos enquistados opinan que o destino, a provincia de Lugo, é moi competitivo.
Por outra parte, tanto nas mesas de traballo, como nas entrevistas a expertos e enquisas realizadas concluíuse que entre os puntos positivos do sector destaca a atención ao cliente, a riqueza paisaxística e as comunicacións por estrada. Mentres que entre os puntos negativos destacan as comunicacións por rede ferroviaria e o transporte público por estrada.
Recursos estrela
No tocante á identificación dos recursos e produtos estrela, na Mariña Lucense destaca principalmente a gastronomía e o patrimonio cultural, xunto coa Paria das Catedrais. Na Terra Chá coinciden en sinalar a gastronomía como o recurso estrela, xunto co Castro de Viladonga. Na Cidade de Lugo destaca o patrimonio natural e a propia cidade. Na Ribeira Sacra inciden na gastronomía e o patrimonio románico xunto coa viticultura. Finalmente, nos Ancares-Courel destancan o patrimonio cultural e as Pallozas dos Ancares.
Respecto ás actuacións de promoción e comercialización, todos os axentes que participaron nas mesas de traballo, enquisas e expertos apostan por unha promoción e comercialización que se sosteña nunha estratexia combinada (online e offline), que incluiría: unha páxina web turística da provincia, promoción a través de redes sociais, apps turísticas, asistencia ás feiras turísticas e campañas publicitarias.
Finalmente, concluíuse que a formación e profesionalización do sector é un factor clave, debendo mellorar especialmente nos seguintes ámbitos: idiomas, marketing turístico e emprego de novas tecnoloxías.






















Dende as 10 da mañá máis de 170 vehículos ocuparán o aparcamento de Coto ata as 13:30, cando partirán en caravana cara Arealonga. Alí permanecerán ata as 17:00, momento no que iniciarán a ruta pola estrada das praias, regresando ás 18:30 para a entrega de premios e a clausura, prevista para as 20:30. A cita reunirá máis de 300 participantes, con presenza de persoas chegadas de Pamplona, Bilbao e doutros puntos do Estado. O evento, organizado por retroclasicos_barreiros e co apoio do Concello, continúa a atraer amantes dos vehículos clásicos e a dar visibilidade á beleza de Barreiros.
A entidade, coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación, organizará nas próximas semanas a XIII exposición Tal como eramos (28 de agosto), a proxección do filme Antes de nós (3 de setembro) e a homenaxe polo XXII cabodano de Manuel María (6 de setembro). A área de Cultura provincial reforza así o seu apoio continuado ao Iescha, referente na conservación e difusión da cultura galega e chairega.
No acto, o autor estará acompañado por Xosé Ramón Veiga, profesor de Historia Contemporánea na USC, e por Francisco Villamil, profesor de Ciencia Política na Universidade Carlos III. A Galicia moderna (1880-1939) desmonta a visión tradicional dunha Galicia rural, atrasada e pasiva no cambio de século, e amosa a profunda transformación económica, agraria e social que viviu o país nese período.
No acto intervirán o autor e Xoan Ramón Fernández Pacios, cronista oficial de Foz. A actividade está organizada pola Federación de Librarías de Galicia en colaboración co Concello de Foz.
Villares visitou a exposición fotográfica dedicada a Calvo-Sotelo, instalada na praza de Pancho Maseda, que forma parte do programa conmemorativo do centenario. A mostra reúne unha selección de imaxes seleccionadas pola propia familia do expresidente para achegar á cidadanía diferentes momentos da súa traxectoria persoal e política. A conmemoración, que se estende ao longo de todo 2026, busca poñer en valor a figura de Calvo-Sotelo e a súa relación con Ribadeo, onde deixou unha importante pegada vinculada, entre outras cuestións, ao impulso de infraestruturas.
Durante case dúas horas desenvolveuse unha conversa aberta arredor do mundo do espírito e do contido da obra, nun encontro ao que asistiu un grupo numeroso de persoas dispostas non só a escoitar, senón tamén a dialogar e compartir reflexións. Tras a intervención inicial de Pepe Peinó como responsable do proxecto, tomou a palabra o escritor Lionel Rexes, quen achegou novas perspectivas antes de abrir o debate ao público. As opinións, argumentos e matices sobre relixión, espiritualidade, Deus e os valores que sustentan a convivencia foron enchendo o espazo nun ambiente participativo e respectuoso, no que as diferenzas quedaron en segundo plano fronte á forza do diálogo, a solidariedade e o afecto.
O alcalde, Dani Vega, fixo un balance moi positivo: “foi un concerto moi especial nun marco espectacular, como é a igrexa parroquial de Ribadeo, e no que o gaiteiro Carlos Núñez encandilou aos asistentes co seu repertorio. Todos os asistentes disfrutámolo moito”. Xunto a Carlos Núñez estiveron o rexedor e as concelleiras de Cultura, Turismo e Seguridade, Begoña Sanjurjo, Marta Saiz e Montse Seijo.



