Burela, 9 de maio de 2017. O alcalde de Burela, Alfredo Llano, recibe con satisfacción a concesión de cinco bandeiras azuis para o municipio, pero ve con preocupación e sorpresa que non lle fora outorgada á praia de O Portelo.
“Recibimos con certa satisfacción e algunha preocupación tamén a concesión das bandeiras azuis que corresponden este ano ao noso concello de Burela, que en principio veñen para A Marosa, Ril, o barco museo, Gaia e a ruta do paseo polo litoral, que xa as recibiron o ano pasado. O único que nos sorprende é por que non aparece de momento a praia de O Portelo. Hai que ter en conta que no último informe que se enviou ao Concello sobre a calidade das augas dos areais de A Marosa, Ril e Portelo a súa cualificación era de excelente. Por tanto sorpréndenos agora que non apareza de momento O Portelo, que pode ser por algunha circunstancia que temos que determinar”, explicou o rexedor municipal.
Alfredo Llano engadiu que “en principio contamos coas bandeiras azuis na Marosa, en Ril e ademais ao barco museo, a Gaia e á ruta polo paseo do litoral, que eu penso que é satisfactorio, e agora imos ver se hai algo que emendar respecto a de O Portelo, para deixalo claro. Ademais vamos complementar a bandeira azul coa ISO 14001, que determina as cualidades e calidades que deben ter os areais e evidentemente vamos seguir téndoa na Marosa, en Ril e na de O Portelo. Así que estaremos atentos e procuraremos emendar o que se xa emendable para que todos os areais poidan contar coa calidade que deben ter”.