A Mariña, 30 de xuño de 2017. A Mancomunidade da Mariña celebrou onte pleno no que se formalizou o ingreso do Concello de Viveiro. Todos os membros deberon xurar ou prometer de novo os seus cargos. Na sesión tamén se falou de turismo, concretamente da xuntanza mantida hai uns días coa FCAM e da edición de novos dípticos de promoción nos que están incluídos os 16 concellos que forman a Mancomunidade.
O presidente Alfredo Llano explicou que “todos os membros representantes dos concellos que conformamos a Mancomunidade tivemos que volver xurar ou prometer os cargos. Eliximos outra vez ao presidente e ao vicepresidente, fixemos a elección dos membros da xunta de goberno, o réxime de sesións da asemblea plenaria, a cadencia coa que imos celebrar os plenos, que aínda que son dous ao ano nosoutros temos moitos máis. Tamén acordamos o réxime de sesións da xunta de goberno, cando nos imos ver e o nomeamento dos membros dos restantes órganos colexiados, tanto do comité consultivo como da comisión especial de contas”.
Alfredo Llano declarou que “foi un pleno constituínte para incorporar a Viveiro. Houbo que volver asentar aos representantes de cada concello, cada concello volveu enviar aos que xa estaban e incorporáronse os dous de Viveiro”.
O presidente da Mancomunidade engadiu que “por outra parte din unha información da reunión que tiven o outro día coa FCAM e na que, entre outros acordos, tomamos decisión de constituír unha mesa de traballo. Animei a todo o mundo que quixera participar nesa mesa de traballo a que se incorpore cando queira para traballar en conxunto, facer iniciativas e loitar ao unísono todos para mellorar o turismo na nosa comarca”.
Llano manifestou que “tamén informei de que imos sacar unha nova edición duns dípticos que se titulan A Mariña lucense, máxica por natureza, onde aparecen xa os 16 concellos que constituímos a Mancomunidade, onde se din as particularidades e atractivos que ten cada un dos concellos, e sobre todo aparece un mapa extraordinario de toda A Mariña. Ese mapa é moi demandado agora mesmo en toda a comarca, segundo me din tanto desde as oficinas de turismo como dos hoteis ou dos propios concellos. É un díptico moi demandado polas cousas que aparecen de cada un dos concellos e sobre todo polo mapa.
Onte dimos un exemplar a cada un dos Concellos para que miren se está ben o que aparece, queren incorporar algo novo ou cambiar algo do que había. Imos facer unha reprodución o antes posible, faremos unha boa cantidade deles para distribuír polos 16 concellos da comarca”.
O presidente da Mancomunidade dixo: “quedamos para volver vernos ben a finais de xullo ou a primeiros de agosto para asentar o programa de turismo que se deriva do que nos dá agora a Deputación de Lugo, que son 25.000 euros, entón temos que aprobar o programa do que queremos facer para o segundo semestre do ano”.