Burela, 30 de xuño de 2017. O Concello está pendente de recibir a notificación da Deputación de Lugo para comezar a realizar as obras, por importe de 200.000 euros, correspondentes ao Plan Único. As primeiras serán ás referidas á mellora de pavimento nas rúas Pardo Bazán, Concepción Areal, Vilar e na avenida da Mariña, así como a reposición de bordillos e bolardos nas rúas Colexio e Castelao e tamén a eliminación de barreiras arquitectónicas.
O alcalde, Alfredo Llano, considera que “para a semana que ven ou a seguinte, imos ter a notificación de aprobación do Plan Único que nosoutros temos solicitado á Deputación de Lugo. Este plan que abarca unha serie de actuacións moi importantes para o noso concello, entre elas están investimentos reais que queremos facer xa este ano”.
O rexedor burelés salientou que “son sobre 200.000 euros que imos gastar en diversas obras. A primeira que imos facer é a reposición de pavimento e mellora de marcas viarias na avenida da Mariña, en Concepción Areal, en Pardo Bazán e na rúa Vilar, aí imos facer unha pavimentación e mellora de marcas”.
Llano engadiu que “tamén imos facer unha reposición de bordillos e bolardos na rúa do colexio e rúa Castelao. Unha cousa que nos parece moi importante que xa comezamos este ano e o ano pasado, que é mellora da accesibilidade e servizos en diferentes rúas, neste caso imos acometer en Pardo Bazán, en Castelao, en Curros Enríquez, en Rosalía de Castro, en avenida da Mariña, e as rúas do Colexio, Beiramar e Lamestra”.
O alcalde dixo que “imos tratar de mellorar a accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas, e por iso imos poñernos o antes posible, en canto nos notifiquen. Está aprobado nestas obras, imos contratalas, facer os proxectos e rematalas antes de que acabe este ano 2017”.
Aparcamento en Arcadio Pardiñas
Hoxe ábrese ao público un aparcamento situado nun solar entre as rúas Arcadio Pardiñas e Pascual Veiga, no que tamén se habilitou unha zona de carga e descarga.
O alcalde lembrou que “tíñamos comprometido facer un aparcamento para carga e descarga, e aparcamento tamén para coches en Arcadio Pardiñas, no solar que está entre Pascual Veiga e Arcadio Pardiñas, que ten as súas dimensións e esperemos que cumpra co propósito que nosoutros queremos, que é favorecer os aparcamentos e as cargas e descargas nesa zona”.
Alfredo Llano anunciou que “imos abrilo hoxe e calculo que dentro de pouco tempo xa estará listo para poder ser empregado. Leva uns horarios de carga e descarga e fora deses horarios pódese empregar para aparcar os vehículos que poidan coller alí”.
O rexedor indicou que “se abriu unha boa entrada para que poidan coller sen dificultades furgonetas, camións pequenos e todo tipo de vehículos. Imos tamén adecentalo e procurar que estea acorde coa zona.
Imos pintalo para a semana que ven e poñerlle algunha foto da vida mariñeira de Burela para adornar un pouco esas paredes. Por un lado, será útil para poder aparcar e poder utilizalo para aquilo que máis conveña ao comercio da zona, pero tamén que indique un pouco das nosas características, da vila mariñeira que somos, procuraremos que quede esteticamente moi ben”.