Ribadeo 30-6-17. Dentro dos actos da Feira do Libro, compoñentes deste grupo de teatro percorrerán as principais rúas do casco histórico representando pequenos fragmentos de escenas do seu novo proxecto, “Enciclopedia Álvarez”. A saída está prevista ás oito e media da tarde desde o Teatro para dirixirse á carpa da Feira. Polo camiño farán varías paradas nas que as rúas ribadenses servirán de escenario para esas pequenas representacións.
“Enciclopedia Álvarez” é a historia do día a día de catro nenas e catro nenos sometidos á absurda e ilóxica “des-educación” da escola franquista.
A escola é o reflexo da sociedade e da ideoloxía dominante. Unha escola pública, obrigatoria, laica, mixta, inspirada no ideal da solidariedade humana, onde a actividade era o eixe da metodoloxía. Así era a escola da II República española. De todas as reformas que se emprenderon a partir de abril de 1931, a principal foi a do ensino. “Sen ningunha dúbida, a mellor tarxeta de presentación da República foi o seu proxecto educativo”. Como ben comentaba Víctor Moro no prólogo de “Uno de tantos” de Gregorio Sanz, “La escuela de Don Gregorio nos atraía con fuerza. El clima de camaradería, el afán de saber, de progresar, era la tónica de aquella escuela que nos fascinaba insensiblemente”
A ditadura volve separar nenas e nenos, cambia de novo os planos de estudos, reintroduce a Relixión como materia obrigatoria e introduce “Formación del espíritu nacional” e “Enseñanzas del hogar”, esta última só para as nenas e ambas as dúas impartidas por militantes de Falanxe. Así, a ensinanza quedaba totalmente controlada.
“Enciclopedia Álvarez” é unha invitación ao sorriso. Sobre todo porque nos fala dun pasado “aparentemente” afastado da nosa realidade actual. Os que nos rimos lembrando episodios da nosa infancia na escola do franquismo tamén sentimos un calafrío cando pensamos naqueles tempos. A obra proponnos unha forma lúdica, agradable grazas ao humor, de exercer a sempre necesaria memoria histórica. Mediante a mesma comprendemos o absurdo dun sistema educativo autoritario e irracional. Un absurdo incrementado polo paso do tempo, pero que durante máis de corenta anos foi un dogma imposto pola forza. E padecido por quen sentimos alivio ao lembrar con humor aquilo que a tantos amargou.
Así que, se o domingo que vén vedes nenas e nenos con vestimenta escolar dos anos 50-60 paseando cos seus profesores e profesoras polas rúas de Ribadeo, non vos asustedes, somos nós que andamos recordando aquel pasado.