Lourenzá, 5 de xullo de 2017.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de organizar un seminario informativo a petición e en colaboración coa Asociación de Comerciantes Industriais e Autónomos de Lourenzá (Acial) no que explicará as axudas dirixidas a impulsar a actividade do sector e tamén dará conta das distintas liñas de apoio que o Goberno galego ten en marcha para impulsar o emprendemento.
O encontro informativo, que estará aberto ao público xeral con interese nestes ámbitos, desenvolverase mañá xoves 6 de xullo, a partir das 20.00 horas, no salón de actos da Casa do Concello. Nel participarán, ademais do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, técnicos especialistas no ámbito do comercio e a promoción do emprego.
Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia
O Goberno galego quere seguir apoiando a competitividade deste sector e por exemplo, con este fin, ten en marcha o Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia. Esta iniciativa conta con 55 accións específicas articuladas arredor de tres grandes retos: afianzar un sector comercial renovado; impulsar o smart commerce e o comercio electrónico; e potenciar a excelencia no comercio de proximidade, traballando na dinamización e a mellora continua. A Xunta tamén colabora coa realización de campañas para incentivar as vendas nas vilas e cidades galegas.
Dentro deste Plan, está aberto ata o vindeiro 17 de xullo unha orde de axudas dotada con 1,3 millóns de euros para a modernización e mellora da imaxe do comercio de proximidade galego, con apoios para a reforma e acondicionamento de locais comerciais que permitirá tamén a 200 comerciantes acceder á xestión profesional das súas redes sociais.
Apoios ás pemes no ámbito da contratación
No seminario explicarase que ademais das axudas específicas para o sector os comerciantes poden acceder aos diferentes apoios que para as pemes están previstos no ámbito da contratación de persoal.
Finalmente darase conta en liñas xerais do Bono Autónomo, que este mesmo xoves ten previsto aprobar o Consello da Xunta. Trátase dunha iniciativa pioneira que facilitará ata 3.000 euros aos autónomos cun mínimo de 42 meses de actividade para consolidar o seu negocio. Con este bono poderanse financiar actividades como servizos de comunicación ou relanzamento comercial, un plan de mellora empresarial ou asistencia para xestión financeira ou optimización de procesos, entre outros.