Burela, 1 de xullo de 2017. Burela conta cunha nova cadeira anfibia para facilitar o baño nos seus areais ás persoas con mobilidade reducida. O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey, asegura que se trata dun servizo moi demandado, de feito xa está solicitada por parte dunha persoa que fará uso dela o vindeiro 5 de xullo.
O edil socialista relatou que “xa temos aquí a nova cadeira anfibia, coa que axudaremos a que persoas con mobilidade reducida poidan bañarse nas nosas praias. Substitúe á vella que tiñamos e que xa non serve para traballar. E deste xeito queremos seguir a complementar os servizos que desde o Concello se prestan nos areais bureleses. Xa introducimos melloras nos cambiadores, tal e como anunciabamos hai uns días, e na xestión de residuos e limpeza das praias e agora tentamos adquirir novo material para o servizo de socorrismo e salvamento”.
Ramiro Fernández Rey subliña que “a cadeira anfibia estaba a ser moi demandada, de aí que afrontásemos a súa adquisición. De feito o día 5 de xullo xa vai ser empregada por unha persoa que acaba de solicitar”.
O concelleiro de Turismo agarda que “os socorristas estean xa contratados e traballando nas praias de Burela a vindeira semana. Con todo o retraso que houbo cos plans de Cooperación da Xunta estes días estamos a ultimar os procesos de selección deste persoal. Estarán dous meses con nós. Supoñendo que empecen a traballar o 5 ou o 6 de xullo quedaranse ata o 5 ou o 6 de setembro”.
Fernández Rey lembrou que “serán 8 os socorristas cos que contemos en Burela, 7 a través dos plans de Cooperación, e un con fondos propios. Desde o Concello estamos a facer un grande esforzo económico para prestar os mellores servizos aos nosos veciños e veciñas e a aquelas persoas que nos visiten durante o verán”.
Ramiro Fernández Rey e o alcalde, Alfredo Llano, foron os encargados de presentar a nova cadeira anfibia nas últimas horas.