Cervo, 10 de xullo de 2017.- Mañá martes, 11 de xullo, comeza unha nova edición das Noites Alternativas do Concello de Cervo.
A Noite do Patín, na Praza dos Campos, será a actividade que inaugure unha completa axenda lúdico-deportiva que se desenvolverá ao longo dos meses de xullo e agosto en direrentes ubicacións de Cervo e San Cibrao; en horario de 22:00 a 00:30 horas.
As inscricións, abertas a todos o mozos do Concello, pero tamén a todos aqueles visitantes e veciños da contorna que desexen participar, deberanse facer o primeiro día de cada actividade, a partir das 20:30 horas.
Tal e como explicou o alcalde de Cervo, Alfonso Villares “pensamos nunha oferta ampla e diversificada, unha proposta alternativa de ocio para que os rapaces e rapazas teñan acceso a diferentes disciplinas deportivas e practiquen tamén deporte durante o verán, durante o tempo de ocio, promovendo así hábitos de vida saudables”.
Así, haberá fútbol praia, fútbol 3*3, fútbol 7 (novidade nesta edición), rutas en kaiaks, volei praia, basket 3*3, pádel, unha noite do patín, noites de orientación e xogos.
As actividades desenvolveranse na praia do Torno, na Praza do Souto, de Cervo, na Praza dos Campos, de San Cibrao, e nas instalacións do complexo deportivo da Veiga.
Todas as actividades son de balde, e fixaranse diferentes categorías a partir dos 8 anos (sub 10, sub 12, sub 15, sub 17 e Senior).
O rexedor destacou “o compromiso do Concello de Cervo coa práctica do Deporte no seu conxunto, e un claro exemplo delo son as múltiples actividades que programamos durante todo o ano, non só en temporada lectiva, senón tamén durante o verán, para que os rapaces poidan tamén aproveitar o bo tempo para facer deporte ao aire libre e compartir tempo de ocio con otros compañeiros e compañeiras, facilitando a súa socialización”.
En todo momento as actividades estarán supervisadas e dirixidas por monitores cualificados.