Burela, 27 de xullo de 2017. O Concello presentará mañá, venres, na Deputación de Lugo, as vindeiras edicións da Feira do Bonito e de Produart, que terán lugar a primeira fin de semana de agosto. O alcalde, Alfredo Llano, anima a lugueses e turistas a que acudan a saborear o bonito e á feira de produtos ecolóxicos, que chega á súa 16 edición.
O rexedor burelés explicou que “na presentación de mañá o que se vai facer é procurar animar a que veña moita xente, expoñer cales van ser os programas tanto dun acontecemento como doutro, e desde logo facer un bo ambiente porque vai haber en Burela algo que chama a atención como pode ser a música que xa comeza o 4 de agosto, que vai haber unha actuación de DJs a partir das once da noite”.
Alfredo Llano subliñou que “o día forte da Feira do Bonito é o sábado. A recepción das autoridades vai ser no Barco Museo Reina del Carmen, onde imos facer tamén o izado da bandeira azul. Despois teremos o pregón, que este ano será a cargo de Sergio Pazos, e tamén se van dar os nomeamentos do asador maior e a colaboradora de honra que organiza Ledicia para estimar o traballo que levan feito durante todos estes anos na Feira do Bonito”.
O alcalde dixo que “hai un acontecemento, que eu creo que é moi bonito e importante para Burela, que é o Certame Internacional de Pintura Mural no muro do porto, moi preto de onde vai estar o recinto de Produart e da Feira do Bonito. Polo tanto vai poder seguirse perfectamente cómo van facendo as pinturas nese certame que titulamos Amarte”.
Alfredo Llano engade que “pola tarde vai haber a presentación do Festival Osa do Mar para o ano 2017, e a partir das doce haberá unha actuación de El último Tributo, que é unha banda tributo a El Último de la Fila, e rematarase a altas horas co conxunto Everest”.
O rexedor burelés anunciou que “este ano hai como novidade que o domingo durante toda a mañá, e sobre todo ao mediodía, vai facerse unha degustación de marmitako que ameniza Ledicia, que é a primeira vez que se vai ofrecer e desde logo que pode animar moitísimo a que a xente se achegue á zona do porto onde está instalado na nave de redes, o comedor para que poidan apreciar este produto. Tamén ese mesmo día, o domingo, vaise facer a entrega de premios do Certame de Pintura Mural Amarte”.
Alfredo Llano quere “animar a todo o mundo que estea preto da comarca da Mariña, ou noutros puntos de Lugo e de Galicia a que se acheguen porque seguro que lles vai merecer moito a pena”.
O alcalde de Burela sinala que “con respecto a Produart, que á e edición número 16, xa están completamente cubertos todos os stands. Veñen como todos os anos artesáns e produtores ecolóxicos. Vaise ofrecer moitísima diversidade de produtos ecolóxicos e de artesanía. Tamén se van facer un sinfín de actividades entre seminarios, obradoiros e conferencias. Produart vai dar comezo o venres, día 4, abrirá ao público ás cinco e media, vai ser a entrada gratuíta, e ás sete da tarde imos facer a inauguración a cargo do presidente da Deputación, Darío Campos, ou na persoa en quen delegue”.
Para Llano “con estes dous acontecementos espero que moita xente teña interese en achegarse ao noso concello, cousa que imos agradecer, e imos compartir tres días que penso que van ser moi bonitos e para lembrar moito tempo no noso concello de Burela”.
Para a vindeira semana haberá tamén unha presentación de ambos eventos na localidade.
