O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración clausurou hoxe no Carballiño a xornada divulgativa para autónomos e comerciantes organizada por APE Galicia
O Carballiño, 15 de maio de 2025. O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, clausurou esta tarde no Carballiño a xornada divulgativa para autónomos e comerciantes organizada por APE Galicia, na que tamén participaron o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, o alcalde de O Carballiño, Francisco José Fumega, e representantes do tecido autónomo e comercial da provincia de Ourense. Alí, o titular de emprego anunciou que a Xunta traballa na creación da futura Academia virtual para persoas traballadoras autónomas para optimizar o rendemento da actividade deste colectivo, simplificar os seus trámites administrativos e fiscais e mellorar a súa xestión empresarial.
Ademais, engadiu José González, será un espazo de aprendizaxe accesible e adaptado ás necesidades específicas dos profesionais, proporcionando información e formación continua para axudalos coa normativa e aspectos de xestión como a facturación ou a rendibilidade do negocio, entre outros. Para iso, esta ferramenta ofrecerá flexibilidade, xa que permitirá ás persoas traballadoras autónomas acceder aos contidos en calquera momento e aprender ao seu propio ritmo. Tamén lles brindará a oportunidade de interactuar con outros profesionais e compartir experiencias.
Neste sentido, José González expuxo que esta acción é froito das propostas que realizan as organizacións deste colectivo na Mesa do autónomo, espazo de diálogo e consenso co sector, e engadiu que se enmarca na aposta da Xunta por ser unha administración facilitadora e pola colaboración público-privada para impulsar a actividade e competitividade deste colectivo. Outra medida neste campo é a convocatoria de axudas unificada para autónomos dotada con máis de 40 M€ e aberta ata o 30 de setembro e sobre a que as persoas interesadas poden resolver dúbidas co chatbot de intelixencia artificial habilitado para tal fin na Oficina virtual do emprego autónomo.
Deste xeito, subliñou o conselleiro, Galicia busca impulsar a súa vocación emprendedora e neste eido lembrou os 32 M€ destinados este ano a seguir potenciando este ámbito e o labor da Rede de polos de emprendemento, que conta con 15 oficinas por toda Galicia e leva atendido arredor de 4.000 proxectos de diferentes sectores -preto de 730 nos polos da provincia de Ourense- desde a súa posta en marcha, en xullo de 2022.
Accións co foco na remuda xeracional
A través desta rede, subliñou, desenvólvense iniciativas como o proxecto Fixar, que impulsa os modelos coliving para reter e atraer emprendedores á comunidade e do que este ano se lanzou a segunda edición. Un dos coliving vencellados a esta iniciativa é o de Sende, en Lobeira. Outros apoios aos que se referiu, son as axudas a novos proxectos emprendedores das que esta semana se publicou no DOG a convocatoria deste ano, dotada con 6,7 M€, e as achegas Retorno Emprendedor, destinadas ao emprendemento dos retornados. Este tipo de actuacións, incidiu, están enfocadas á remuda e contribuíron a que Galicia obtivese o premio Rexión Emprendedora Europea 2025.
Ademais, dentro das axudas aos autónomos, José González destacou o Bono remuda orientado á transmisión de negocios e con axudas para quen asume o relevo e este ano, como novidade, tamén para quen traspasa por xubilación. A isto súmase o labor da Rede de polos, á que poden acudir as persoas interesadas en traspasar un negocio para obter apoio na difusión da súa oferta e solicitar asesoramento.
O comercio como paradigma
Dentro do colectivo de autónomos, José González salientou como paradigma o peso do comercio, que en Galicia abrangue máis de 32.000 establecementos e xera 107.000 empregos. Neste eido, destacou o novo Plan estratéxico do comercio 2025-2030 co que a Administración galega busca impulsar este sector e que, entre outros aspectos, promove a remuda xeracional con accións como Localízate! No teu comercio local, unha iniciativa dirixida ao alumnado de 1º a 4º da ESO para crear vencellos entre a mocidade e os establecementos comerciais das súas contornas e que estivo presente onte en Ourense.




















No acto impuxéronlles o birrete e entregáronlles diploma e orla. Despois cantaron unha canción para as familias asistentes. Houbo moitos aplausos e algunhas lágrimas de emoción.
O vendedor da ONCE Daniel José López Legaspi foi quen levou a sorte ao municipio desde o seu posto de venda situado na Praza Maior.
Trátase dun programa de actividades para a infancia e a mocidade que se desenvolverá en xullo e agosto con propostas educativas, deportivas e culturais pensadas para facilitar a conciliación familiar. A oferta inclúe ludoteca, talleres creativos e tecnolóxicos, deporte, contacontos e eventos comunitarios como o Mercado Infantil Solidario ou o Carnaval de Verano. As inscricións realizaranse do 1 ao 15 de xuño no Concello, con prioridade para menores empadroados. O programa reforza o compromiso municipal co apoio ás familias e cun verán activo e accesible para a mocidade do concello.
A comunidade educativa convida especialmente a antigos alumnos, mestres e familias a participar nesta xornada de reencontros e lembranzas.
A festa incorporou unha mesa doce decorada con temática de faros e unha sesión de coctelería dedicada á elaboración de vermús. As persoas asistentes recibiron ademais un detalle conmemorativo: unha botella de aceite de oliva virxe extra de Oleonavas, en homenaxe ás raíces familiares do propietario. O evento incluíu numerosos sorteos grazas á colaboración de diferentes empresas, con premios como comidas en O Noso Lar, na Bodega de Ana ou no Restaurante Nito, ademais de licores, paletillas e circuítos termais. Para esta ocasión preparouse tamén unha carta especial con táboas de carne e instalouse un mural conmemorativo no local. O establecemento agradeceu a fidelidade da clientela e o apoio da veciñanza ao longo desta década, fundamentais para acadar este aniversario tan significativo.
Tras máis de vinte anos dedicada ao debuxo científico, expón desde 2013 e a súa pintura, definida pola crítica como expresiva, colorista e próxima ao surrealismo, chegou xa a numerosos países europeos e americanos. 



