Lugo, 1 de xullo de 2017.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, informou hoxe de que a Consellería de Sanidade outorgou unha cualificación de excelente a nove de cada dez praias da Mariña.
O delegado explicou que se analizaron as augas de 45 praias marítimas nos oito concellos costeiros da provincia “e os resultados foron moi positivos, xa que todas son perfectamente aptas para o baño e 40 delas foron cualificadas de excelentes”.
De feito, incidiu, hai catro concellos con augas excelentes en todas as súas praias: os de Barreiros (8 praias), Burela (4), O Vicedo (6) e Viveiro (4).
A Consellería de Sanidade realiza controis periódicos da calidade das zonas de baño que están inscritas no censo oficial. Este programa inclúe a vixilancia sanitaria das zonas de baño mediante a inspección xeral das praias e a analítica das augas, que se realiza no Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, situado en Lugo. A xefatura territorial de Sanidade remite a todos os concellos afectados a información relativa á calidade das augas do seu municipio.
Esta é unha das actuacións que Sanidade leva a cabo para garantir a seguridade dos usuarios dos baños e evitar riscos para a saúde. Cabe lembrar que tamén ten en marcha o programa Praias sen fume, co fin de evitar no posible que se fume nos areais e deste xeito “ir desnormalizando o consumo de tabaco”, segundo apuntou Balseiro.
Están adheridas ao programa sete praias mariñáns: as de Coto en Barreiros, A Rapadoira en Foz, Esteiro en Ribadeo, O Torno en Cervo, Esteiro en Xove, e Caolín e Vidreiro no Vicedo.
A campaña non ten fins recadatorios xa que, así como a adhesión dos concellos é voluntaria, tamén é voluntario o seu cumprimento para os usuarios das praias, polo que non haberá vixilancia.