Lugo, 25 de agosto de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa impulsando melloras nos centros educativos da Cidade de Viveiro aproveitando as vacacións escolares e, máis en concreto, realiza unha achega adicional de 36.283 euros para executar novas obras no instituto Vilar Ponte e no colexio Pedrosa Latas
A principal achega irá destinada ao instituto Vilar Ponte, en concreto algo máis de 35.000 euros destinados á mellora dos aseos. Pola súa banda, no CEIP Pedrosa Latas desenvolveranse obras de fontanería incluída a instalación dun novo termo de alta capacidade que moderniza as actuacións instalacións e garante o uso de auga sanitaria e a temperatura correcta, en todas as condicións.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que os traballos incidirán nunha maior comodidade e seguridade para a comunidade educativa.
Novas obras que se suman ás xa executadas
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou que estas actuacións enmárcase dentro da segunda fase de obras de conservación e mantemento nos centros educativos da provincia, de cara a mellorar as instalacións para o próximo curso. De feito, se suman ao medio centenar de obras que xa estaban en marcha dende o pasado mes de xullo.
Xa no seu día a Delegación territorial deu conta dun investimento de 28.500 euros en obras de mellora que se executan de cara ao vindeiro curso nos colexios de Covas e Santa Rita de Galdo, no concello de Viveiro. De feito ao longo do mes de xullo executaranse obras na conexión do Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Santa Rita á rede de saneamento municipal. Neste mesmo centro, xa se realizaron traballos para a posta en marcha dun ascensor, mentres que no CEIP de Covas rematou tamén a reparación da cornixa de formigón, proxecto no que se investiron 14.000 euros.
Instalacións nas mellores condicións
Balseiro subliñou a necesidade de “manter nas mellores condicións as instalacións educativas para que se adapten ás necesidades do alumnado, faciliten o labor dos docentes e, en suma, sexan o marco adecuado para o desenvolvemento dunha educación pública de calidade”.