Viveiro/Valdoviño, 26 de setembro de 2017.- O proxecto ‘Galicia Norte, Mares de Experiencias’, impulsado polos GALP a Mariña-Ortegal e Golfo Ártabro Norte, presentouse hoxe en Foz nun encontro con entidades públicas, asociacións e empresas privadas interesadas en poñer en marcha iniciativas empresariais vinculadas co turismo mariñeiro.
Entre os asistentes, atopábanse promotores de negocios creados ao abeiro de proxectos GALP, como o camping Rinlo Costa e Maremasma. Desta forma serviron de fonte de inspiración para algúns dos presentes. No acto tamén participaron representantes do Concello e doutras asociacións.
Durante a xornada, entidades e empresas manifestaron que detectan unha maior afluencia de turistas a través do Camiño do Mar, que chega a Santiago de Compostela desde Ribadeo, sendo considerable o incremento de visitantes estranxeiros.
Na sesión, os asistentes puideron coñecer proxectos vinculados con actividades mariñeiras que se están desenvolvendo na zona, como é o caso da visita a industrias conserveiras ou a posibilidade de que as mariscadoras mostren o seu traballo.
Tras Foz, a vila de Narón será a última en acoller estas xornadas. O encontro terá lugar mañá, 27 de setembro, no Salón Café Teatro do Pazo da Cultura (Rúa Holanda, s/n), entre as 11 e 12.30 h.
Un proxecto de cooperación interterritorial
Entre os obxectivos que persiguen estas xornadas está a de difundir as accións do proxecto, que creará cinco rutas turísticas conxuntas para todo o territorio que vai desde Paderne ata Ribadeo (a cuarta parte de todo o litoral galego), nas que o mar é o denominador común.
Despois destes seminarios de difusión, celebraranse unhas xornadas formativas para a diversificación do sector turístico e pesqueiro, das que se ofrecerá máis información en cada un dos encontros.
“Galicia Norte. Mares de Experiencias” é un proxecto de cooperación interterritorial de turismo mariñeiro impulsado polos GALP (Grupos de acción local del sector pesquero) A Mariña-Ortegal e Golfo Ártabro Norte, e financiado con fondos europeos nos 23 concellos da Coruña e de Lugo que conforman a súa área de actuación.
Paderne
Miño
Pontedeume
Cabanas
Ares
Mugardos
Fene
Neda
Ferrol
Narón
Valdoviño
Cedeira
Cariño
Ortigueira
Mañón
O Vicedo
Viveiro
Xove
Cervo
Burela
Foz
Barreiros
Ribadeo
Esta iniciativa terá como resultado a creación de 5 experiencias ao longo de 384 kilómetros da Galicia máis septentrional, a cuarta parte da costa galega. Outro dos obxectivos é formar á poboación para dinamizar a creación de novos produtos e servizos relacionados co mar e co turismo para impulsar o relevo xeracional no sector da pesca e a fixación de poboación nova.