Ribadeo, 29 de setembro de 2017. O Partido Popular de Ribadeo ven de trasladar unha iniciativa ao seu grupo provincial para que a Deputación arranxe a estrada de titularidade provincial que, desde Trabada, entra no concello de Ribadeo por Arante e bifurca para Santalla e Couxela. O portavoz do PP de Ribadeo, Jesús López Penabad, explica que esta vía está abandonada desde hai moitos anos e polo tanto solicitan á Deputación o seu arranxo. López Penabad comprobou o deficiente estado desta estrada acompañado polo deputado autonómico popular Daniel Vega.
Jesús López Penabad denuncia “o gran abandono que sufre a estrada de titularidade da Deputación que ven de Trabada, entra por Arante, e despois bifurca para Santalla e para Couxela desembocando na N-640 na estrada que pasa por Porto e vai a Meira e Lugo. Esta estrada leva así anos, eu non recordo a última vez que se arranxou. É certo que hai un pequeno tramo que se conseguiu que se amañara, que está en Cedofeita, pero a inmensa maioría desa estrada, que é a que vertebra a zona interior de Ribadeo e dálle saída cara a Nacional 640, está moi abandonada”.
O portavoz do PP ribadense critica que “o goberno local de Ribadeo ultimamente ten abandonado ao municipio e agora empezan a falar de cousas como o Pazo de Meirás e demais, que nin podemos amañar desde Ribadeo nin creo que importe moito aos ribadenses”.
Ademais López Penabad explicou: “tomamos esta iniciativa de pasarlle esta petición ao noso grupo provincial, ao grupo popular na Deputación, para que propoñan a mellora desta estrada e que se amañe dunha vez por todas. Confiamos en que isto saia adiante e se arranxe esta estrada, porque é unha necesidade imperiosa que ten toda a xente da zona interior do concello. Quen queira pode pasar por alí e comprobar que o firme está bastante estragado, polo que necesita un arranxo integral e de calado”.
O voceiro dos populares en Ribadeo rematou comentando: “esta é a nosa proposta desde o Partido Popular para traballar por Ribadeo e polos ribadenses, visto que os gobernantes do Concello pensan noutras cousas e cremos que as necesidades do pobo hai que atendelas”.
