Ribadeo, 26 de setembro de 2017. O pasado domingo, día 24, tiveron lugar as actividades de benvida ás persoas participantes no programa Aquí?…coma de 20!, que o Concello leva un ano máis ás parroquias ribadenses.
Susana Álvarez, a dinamizadora sociocultural do Concello, contou que “a festa de benvida foi unha sorpresa para todos. Tivemos un encontro no Cine Teatro, e gozamos coa actuación do grupo teatral Trípode, de Alfoz e O Valadouro, que presentaron a súa obra Cousas de vellos, de Pepe Peinó. E ao remate trasladámonos ao hotel restaurante Voar onde saboreamos uns pinchos deliciosos”. Esta xornada de inicio das actividades nas parroquias de Ribadeo desenvolveuse entre as 16:30 e as 20:30 horas.
Acompañaron aos veciños e veciñas que acoden ás tardes de lecer o alcalde, Fernando Suárez Barcia, e as concelleiras de Igualdade e Servizos Sociosanitarios, Mariluz Álvarez Lastra e Sonia Meilán Vizoso.
Un cento de persoas asisten desde o 11 de setembro a esta programación do Concello de Ribadeo. Os horarios das actividades son os seguintes:
-De 16 a 18 horas haberá tardes de lecer os luns en Vilela, os martes en Cedofeita, os mércores en Rinlo, os xoves en Cinxe e os venres en Santalla de Vilaosende
-E de 18:30 a 20:30 horas as actividades chegarán os luns a Remourelle, os martes a Vilaselán, os xoves ás Anzas e os venres a Couxela.