Cervo, 27 de outubro de 2017.- O Concello de Cervo abre o prazo de solicitude de axudas dirixidas a entidades educativas sen ánimo de lucro.
A convocatoria permanecerá aberta ata o 24 de novembro.
Tal e como sinalou o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, “o fin desta liña de axudas é o de contribuír a fomentar as actividades educativas, recreativas ou culturais que realizan estas entidades ao longo de todo o ano; sempre que sexan dirixidas á colectividade escolar e promovidas polos centros de ensino do Concello -os colexios de Cervo e San Ciprián, e o IES Marqués de Sargadelos; e brindarlles ao tempo unha axuda económica coa que contribuír a que podan facer fronte aos seus gastos de funcionamento”.
O rexedor apuntou que “dispuxemos dunha partida orzamentaria de preto de 4000 euros para esta liña de axudas, que se vén a sumar a outras que temos dispostas dende o Concello dirixidas á comunidade educativa tanto para as ANPAS –que está aberto o prazao para solicitalas ata o 23 de novembro-; a compra de libros e material escolar, como para transporte e diferentes axudas que brindamos aos centros ao longo de todo o ano”.
Cada impreso de solicitude deberá ir acompañado do orzamento detallado da entidade, da fotocopia compulsada do DNI do representante legal e o documento que acredite a súa representación e fotocopia do NIF da entidade; o certificado da titularidade da conta bancaria na que se realizarán os pagamentos; un documento que acredite a composición da xunta directiva da ANPA e unha fotocopia do estatuto, entre outra documentación que vai especificada nas bases e que terá que ser presentada no Rexistro Xeral do Concello.
Aquelas entidades que desexen máis información ao respecto poden achegarse ás oficinas municipais ou consultar o Boletín Oficial da Provincia, do xoves 26 de outubro.
Os impresos están dispoñibles para a súa descarga no taboleiro de anuncios da web municipal www.concellodecervo.com.