Cervo 3-10-17. A xuntanza será este xoves, 5 de outubro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de San Cibrao. É a segunda reunión que se convoca para abordar este tema; logo da mantida a mediados do pasado mes de setembro.
O rexedor recordou que os últimos nove anos foi “a Asociación Península da Paz a que levou as rendas da Cabalgata, facendo un traballo inconmensurable que lle temos que agradecer infinitamente, convertendo a San Ciprián nun gran escenario para os máis pequenos da casa cada 5 de xaneiro”.
Villares sinalou que para conseguir ese gran resultado, era moito o traballo que desempeñaban ao longo de todo o ano e as horas de dedicación, e entendemos que agora, neste ano, “queiran pasarlle o relevo a outros veciños, compañeiros e compañeiras doutras asociacións, aínda que xa apuntaron que estarían dispostos a guiar e a botar unha man en todo aquelo que se precise”.
Nesa primeira reunión expuxemos, pois “o contexto no que nos atopamos neste intre, e fixemos un chamamento á colaboración veciñal e entre asociacións, para que entre todos estuden levar adiante a actividade, tendo en conta, ademais, que Península da Paz comprometeuse a ceder os traxes e a infraestrutura que foron reunindo neste anos; e dende o Concello, como non podería ser doutro xeito, brindaremos todo o apoio e axuda necesaria, como sempre vimos facendo; agardando que esta nova convocatoria sirva para concluír como se vai levar adiante a Cabalgata nesta ocasión”.
Vilares puntualizou que no suposto de que non haxa ninguén disposto a asumir a organización da Cabalgata, aínda que agardamos que non se dea o caso, “os nenos non se quedarán sen ver aos reis magos, pero, é evidente, que teríamos que programar un acto moito máis modesto e sinxelo”.