Cervo, 28 de outubro de 2017.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e o edil de Obras, Plácido Pérez, desprazáronse ata a parroquia de San Román, onde, acompañados polo alcalde pedáneo da parroquia e polos representantes da Asociación de Veciños, supervisaron os traballos de acondicionamento que se acometeron en dúas pistas rurais, en concreto no Camiño de Chousas do Agro e no Camiño do Muíño.
Foi unha actuación consensuada entre a propia Asociación de Veciños e o Concello, que se enmarca dentro do Plan de mellora de camiños municipais da Xunta de Galicia.
As obras, que contan cun orzamento de 12.000 euros, consistiron na limpeza de cunetas e canos, e na mellora do firme; que era de zahorra artificial que dificultaba o paso nas épocas de chuvias e que se atopaba nun estado deteriorado, a causa do paso tempo e as inclemencias meteorolóxicas.
O rexedor apuntou que estes traballos van na liña que vimos trazando dende o Concello “para dotar ao noso rural dos maiores servizos posibles, contribuíndo tamén así a vertebrar as nosas parroquias”.
