Saben os veciños e veciñas de Lourenzá que non acostumo a opinar nin a contestar ás críticas que aparecen nas redes sociais. Non vou contestar aquí ás opinións particulares, son todas respectables, sempre que sexan veraces e non intenten manipular á opinión pública. Pero si vou contestar ás verquidas por representantes políticos.
Apareceron nestes días de celebración da Festa da Faba comentarios sobre a miña persoa, que son recollidos e comentados nas publicacións sociais do Partido Popular de Lourenzá e que son de todo falsas.
Segundo o Partido Popular, o concelleiro de Cultura encargouse de tapar con postos un comercio de Lourenzá e deixou libre o establecemento que é propiedade da súa compañeira. Todo isto o publican acompañado de fotos.
É de moi mala fe facer este tipo de acusacións sen molestarse en contrastalas. Puideron facelo facilmente xa que coincidimos e nos saudamos en varios momentos durante as festas.
Vou intentar aclarar o que pasou realmente, teño testemuñas que poden dar fe.
O xoves empezaron a instalarse os postos e as casetas para a celebración da Festa da Faba. A propietaria dunha mercería chamoume para queixarse da instalación dun posto de hostalaría diante do seu comercio. É o terceiro ano que se sitúa alí. Acudín ao seu local, falamos de maneira distendida (agora sei que sería mellor pedirlle que o fixera por escrito) e quedei con ela en que falaría coa alcaldesa para intentar solucionar o problema, que consistía en desprazar un metro, máis ou menos, a ubicación do citado posto. A alcaldesa púxose en contacto con ela e coa propietaria do posto. Intentouse dar solución ao problema, pero había que deixar paso ao tren turístico. A propietaria do posto comprometeuse a retirar parte da lona para darlle visibilidade á tenda e así o fixo.
Eu, aínda que levei moitos temas da Festa da Faba, non me encarguei directamente da ubicación dos postos, pero logo dun comentario dun familiar da propietaria da mercería, din orde á traballadora municipal que se estaba encargando de situar os postos de que por suposto puxera un diante do comercio da miña compañeira, “o máis grande que teñas” foi o encargo, ao que me contestou que xa estaba marcado un. De feito aparece o número 39 pintado de vermello na beirarrúa. Algúns dos postos de artesáns que chamaron ao Concello e tiñan posto reservado non acudiron á festa nin avisaron de que non viñan. E, por desgraza e moi ao meu pesar, un deles foi o que tiña adxudicado o lugar 39.
Os veciños e veciñas de Lourenzá e todas as persoas que me coñecen saben que sería incapaz de facer algo así intencionadamente, entre outras cousas porque de tonto non teño un pelo, e sei o que se me podía vir encima, como así foi.
Non son persoa, aínda que alguén pense o contrario, que lle guste dar ordes. Non tomo ningunha decisión no Concello sen consultalo coa alcaldesa. Pero si houbo unha orde que din nada máis chegar ao Concello de Lourenzá. Falei coa alcaldesa e coas administrativas encargadas de realizar as compras e din a orde de que mentres forme parte da corporación se deixara de comprar no comercio da miña compañeira. Ela, que non se adica á política, merece un respecto e non este trato que está recibindo sen ter culpa ningunha. En dous anos e medio de lexislatura incumpriuse esta orde en dúas ocasións, dous casos excepcionais, porque non se tiña nese momento outro sitio onde facelo.
Outros critican, pero non fixeron o mesmo ocupando tamén cargos públicos. Están no seu dereito, pero non se me pode acusar a min de interese persoal.
Espero que quede todo aclarado, de non ser así, sabe todo o mundo que pode falar comigo no Concello ou alí onde me vexan e estarei á súa completa disposición, como creo que fago sempre.
O Partido Popular intenta, como xa fixo na pasada edición, enturbiar o éxito de Festa da Faba, creando polémica onde non a hai. Pero, máis que lles pese, foi a edición deste ano a mellor de todas, tanto en xente como en organización. E a próxima seguro será aínda mellor. Traballaremos arreo para que sexa así.
Viva a Festa da Faba! Grazas, Lourenzá!
Manuel Arango Ron, tenente alcalde e concelleiro de Cultura de Lourenzá