A Mariña, 28 de novembro de 2017. A empresa Procesadora Galega de Alimentos SL será a encargada de recoller os aceites domésticos usados nos 16 concellos que forman parte da Mancomunidade de Municipios da Mariña ao longo dos dous vindeiros anos. O presidente deste ente, Alfredo Llano, relatou que esta tarde se abriron os sobres coas ofertas presentadas a este concurso.
Llano explicou que “o encontro que tivemos esta tarde foi para decidir a empresa que se encargará da xestión dos aceites domésticos usados. Tocaba sacar a concurso esta concesión e recaeu polos méritos, polos aportes, polas melloras e por todos os puntos que levou a firma Procesadora Galega de Alimentos SL, que é unha empresa que xa coñecemos nestes ámbitos”.
O presidente da Mancomunidade comentou que “é un contrato que se fará por un período de dous anos e imos facilitar contedores a aqueles Concellos, que aínda contando con eles precisen ampliar o seu número, e temos que dotar a Viveiro destes recipientes, que antes non tiña, pero agora ao formar parte da Mancomunidade de Municipios da Mariña poderá contar con eles. Pensamos que se colocarán uns 10 ou 11 nesa localidade”.
Alfredo Llano engadiu que “é moi bo recoller os aceites usados domésticos e de restaurantes e que se faga dunha maneira rigorosa e ben. Por un lado, aforra moitísimo no tratamento de residuos aos concellos e por outro aproveitamos eses aceites para outras cousas. Estas empresas sacan un beneficio da súa xestión que logo ten repercusión na Mancomunidade. Dicir como curiosidade que este ano recibimos 6.000 euros derivados da recollida dos aceites. É un beneficio global para todos os Concellos da Mancomunidade”.