Lugo, 28 de novembro de 2017.- O Goberno galego apoiará con 294.000 euros a contratación de 26 persoas sen emprego en 13 concellos da comarca da Mariña. A Consellería de Economía, Emprego e Industria acaba de resolver as axudas do programa Aprol Rural, actuación destinada a concellos con menos de 10.000 habitantes que se desenvolve por segundo ano consecutivo e ten como principal obxectivo incrementar e mellorar as oportunidades laborais do rural e dar un impulso aos traballadores das zonas menos poboadas de Galicia.
As axudas do Goberno autonómico presentan como principais novidades este ano que o tempo de contratación das persoas sen emprego a tempo completo será por 9 meses, fronte aos 6 da primeira edición; e que se financiará o 100% dos custes salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social, cando na anterior convocatoria chegaba ata o 80%. As contías por cada traballador contratado poderán alcanzar os 20.250 euros, segundo o grupo de cotización do que se trate. Os traballadores e traballadoras que agora contraten os concellos deberán ser persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG).
Aprol Rural integrouse no programa Formación e emprendemento no rural que este ano activou a Consellería de Economía, Emprego e Industria con 30 millóns para fixar poboación nas zonas menos habitadas de Galicia. A iniciativa busca incentivar a contratación nestas localidades, incrementar a oferta formativa no rural adaptada á demanda das empresas e aumentar os niveis de emprendemento e de creación de empresas con medidas xa postas en marcha como Formación á porta ou a liña de axudas Galicia Emprende Rural.
A iniciativa sigue as directrices fixadas na Axenda 20 para o Emprego coa que se está a impulsar a calidade e estabilidade no mercado laboral. A folla de ruta do Goberno galego en materia laboral pretende a creación de polo menos 80.000 novos empregos e reducir a taxa de paro ata o 10% no ano 2020.