- O deputado de Medio Rural, Daniel García, participou este domingo na entrega de premios da Gran Feira Cabalar das San Lucas, en Mondoñedo
Recoñecéronse as ganderías con máis participación na baixada tradicional e na feira, así como os mellores exemplares das distintas razas e categorías equinas. García destacou o valor das San Lucas como espazo de recoñecemento ao gando cabalar e ao labor dos gandeiros, fundamental para o coidado dos montes e a preservación das paisaxes tradicionais. A xornada incluíu unha homenaxe a Luciano García, falecido en xullo, impulsor da baixada dos cabalos e fundador de Puraga.
- A A.C. Francisco Lanza realizou este sábado unha viaxe cultural por Pontedeume e Sobrado dos Monxes
Tras unha parada nas Pontes para contemplar o lago e lembrar o pasado industrial da zona, o grupo visitou Pontedeume, onde repasou a historia da liñaxe dos Andrade e percorreu unha vila chea de patrimonio e vitalidade. Pola tarde, no mosteiro de Sobrado dos Monxes, os participantes apreciaron o legado da orde do Císter e do barroco galego, e escoitaron parte dunha mostra de música coral. A entidade agradeceu as explicacións de Enrique Campos, secretario da ACFL, así como as achegas de Celia Castro sobre arquitectura medieval e a vida cisterciense.
- María José Gómez en Mondoñedo
A conselleira do Medio Rural acompañada polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asistiu este sábado á feira e festas das San Lucas.
- Cervo acolle unha nova exposición de pintura dedicada ao Arte Neofuturista do creador Xosé López Losada, “Xolo”
A mostra inaugúrase o luns 19 de outubro ás 12.00 horas na Casa da Cultura, onde permanecerá aberta ao público ata o 19 de novembro. A iniciativa, promovida polo Concello, ofrece unha selección de obras nas que o artista explora a cor, a luz e a expresión contemporánea, consolidando a súa traxectoria dentro deste movemento artístico.
- 'De compras pola Mariña' co escritor e xornalista José Ribagorda, que estes días visita o comercio local da comarca nunha defensa e aposta polos negocios locais, que son os que enchen de luz e de vida as rúas mariñás
Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
- Dúas alumnas do IES de Foz, Kiara e Marta, resultaron gañadoras do Premio Especial no XXV Campionato Mondiale di Pizza Piccante celebrado en Italia
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
- O Concello de Cervo organiza unha andaina popular con motivo do Día Mundial contra o Cancro de Mama
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.