Viveiro 7-11-17. A campaña “Restaurantes contra el Hambre” é a maior iniciativa solidaria da hostalería en España, promovida por Acción contra el Hambre en colaboración coa Federación Española de Hostalería. Un dos dous restaurantes na Mariña de Lugo que participa nesta edición é As Tixolas (Covas-Viveiro), mentres que de toda a provincia de Lugo son cinco os restaurantes adheridos, e trece en toda Galicia.
O menú solidario que ofrece As Tixolas consta de 5 pratos, postre, café de pota, chupito e cañita rechea de crema, todo por 19 euros. O menú, que se renova cada poucas semanas, consta agora mesmo de Pan de cristal con langostinos ó allo, panceta ibérica, allos tenros e ovo roto; Pata de polbo á brasa; Espaguetis con cogomelos en prebe de foie; Ovos rotos con xamón ibérico; Meixela de porco á sidra; Tarta de queixo e mango; Café de pota, Chupito e Cañita rechea de crema.
A campaña, que se ven celebrando entre os meses de setembro e novembro desde 2010, remata o vindeiro 15 de novembro. Os hostaleiros únense deste xeito para loitar contra a desnutrición infantil, servindo “os pratos que máis alimentan”, xa que por cada menú vendido unha parte (de 0,50€ a 2€, segundo o importe do menú) destínase a Acción contra el Hambre para a prevención, diagnóstico e tratamento da desnutrición.
“Pode parecer unha cantidade pequena, pero gracias a esta iniciativa na campaña do ano pasado recaudáronse en toda España 190.000 euros, con pequenas aportacións prato a prato”, asegura José Manuel Vázquez, responsable do restaurante As Tixolas, que leva colaborando xa sete anos con esta iniciativa solidaria.
Segundo datos de Acción contra el Hambre, durante os últimos cinco anos conseguiuse tratar a dous millóns de nenos con unha desnutrición aguda e facilitar alimentos e medios de vida a máis de doce millóns de persoas.
